Desconvocan a folga no transporte urbano que estaba prevista para as xornadas de O Son do Camiño

O Concello comprométese a respectar a sentenza do TSXG en materia de UTE e división do persoal en distintas empresas

A liña 6A, que enlaza coa Estación Intermodal, ao seu paso pola Praza de Galicia / ECG

A liña 6A, que enlaza coa Estación Intermodal, ao seu paso pola Praza de Galicia / ECG / A.T.

O Concello de Santiago respondeu a pregunta das centrais sindicais convocantes da folga do transporte urbano para os días 15, 16, 17 e 18 de xuño, explicando que respectará a sentenza do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) sobre as Unións Temporais de Empresas (UTE) nos concursos públicos de transporte de viaxeiros. Así, unha vez confirmada a presenza deste punto nos pregos da nova oferta, CIG (Confederación Intersindical Galega), UXT (Unión Xeral de Traballadores) e CC.OO (Comisións Obreiras) decidiron desconvocar a folga que coincidía co festival O Son do Camiño, que agarda congregar no Monte do Gozo máis de 120.000 persoas entre o 15 e o 17 de xuño.

Así é todo, dende os sindicatos advirten que o conflito volverá se a empresa que resulte adxudicataria divide igualmente o cadro de persoal, 130 traballadores que na actualidade están repartidos entre sete empresas e con contratos diferentes. A parte social salienta que non é que iso sexa unha solución definitiva mais si a única saída á que se podía aspirar neste momento tras a publicación dos pregos. Responsabilizan desta situación á falla de diálogo durante os últimos catro anos, onde os representantes dos traballadores non tiveron a oportunidade de ser escoitados e tidos en conta no Concello para achegar a súa visión nas cláusulas sociais dos pregos. “A única pretensión”, aseguran dende os sindicatos, era a de que os novos pregos axudaran a que non se dividira o persoal e varias empresas. Unha medida que, ademais de favorecer os traballadores á hora de defender as súas condicións laborais, serve tamén para que se faga un mellor control da calidade do servizo ou do estado dos vehículos. Unha situación que á vista está que é algo importante non só para condutores senón para toda a cidadanía.

Con esta situación, ao cumprirse o acordado e tal e como xa decidira a asemblea de traballadores celebrada o pasado día 23 de maio, comunícase a desconvocatoria da folga prevista para as datas dos concertos de O Son do Camiño, pero advertindo tamén de que se a empresa ou empresas que resulten adxudicatarias, mesmo nestas condicións, volven tentar dividir as relacións laborais do cadro de persoal pola vía de contratar por diferentes empresas ou pola vía de constituír varios centros de traballo, o conflito reiniciaríase co arranque da nova contrata, algo que tamén se acordou na mesma asemblea. Ademais disto dáse conta do compromiso de Goretti Sanmartín (BNG) coas centrais sindicais de manter unha reunión tras a toma de posesión, nas primeiras semanas de mandato, para abordar o asunto.