Tanxugueiras: “O vínculo con Santiago é total”

O trío de pandeireteiras composto por Olaia e Sabela Maneiro (32) e Aida Tarrío (25), que queren revolucionar e reivindicar o folk galego, ofreceron onte unha actuación no exterior de El Corte Inglés, onde interpretaron o seu último tema ‘Aire’, entre outros

O seu público habitual, de bebés a nonaxenarios

Se algúen levou a música tradicional galega por todo o país é, sen dúbida, Tanxugueiras. O grupo, composto por Aida Tarrío (25 anos) e as irmáns Olaia e Sabela Maneiro (32) converteuse nunha referencia musical tras a súa participación no Benidorm Fest de 2022, con tres álbums ás súas costas e un verán por diante repleto de concertos.

Onte pola tarde, nos exteriores de El Corte Inglés, deron unha actuación acústica, cun posterior coloquio guiado pola xornalista María Solar, que asumiu a condución do evento, con motivo do Día Europeo da Música e o 25 aniversario do centro comercial situado na rúa do Restollal.

O trío musical interpretou, entre outros temas, o último publicado que leva por nome Aire, un título que non ten unha explicación concreta nin tampouco pretende ser unha continuación de Terra, canción que tivo tanta repercusión o ano pasado e que demostrou na final do Benidorm Fest que non hai fronteiras. “Dende un primeiro momento pensamos en Aire e non se nos veu outro título á mente. É unha viaxe dende a verdade para brillar sen medo a nada e como símbolo de liberdade”, definiu en conversa con este medio Sabela Maneiro. Para ese tan recoñecido traballo contaron coa produción de Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un largo etcétera de músicos da escena urbana).

Maneiro asegurou que as tres manteñen un “gran vínculo con Santiago, partindo de que as irmás xemelgas naceron no barrio de Pontepedriña, aínda que despois a súa familia se trasladou a Teo pouco despois do seu nacemento, donde foron á escola e aprenderon alí a tocar a pandeireta. Ademais, Aida Tarrío tamén ten un vínculo especial coa capital de galega, a pesar de ser natural de Ribeira onde dende nena aprendeu a labor das pandereiteiras da man da súa avoa, xa que cursou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela.

Esa conexión viuse reflexada horas antes do inicio da actuación, no que finalmente reinou o bo tempo, onde un cento de fans do trío galego se acercaron ata o punto de encontro para presenciar os primeiros ensaios, e onde tiveron a oportunidade de fotografiarse coas artistas, ás que moitos lles pediron unha firma nun disco, nunha camiseta ou ben nunha pandeireta. A maioría dos alí presentes dende primeira hora eran mamás con nenas, que levaban camisetas representativas de Tanxugueiras e incluso algunhas xa tiñan escrito nos seus rostros os nomes das tres artistas, ás que minutos antes da actuación se sumaron máis persoas con carteis, se ben Sabela puxo en valor que “o noso público é moi diverso, temos dende bebés de un ano ata persoas de noventa anos”, asegurou

Con respecto á resposta do público en cada unha das citas que teñen o trío galego por distintas cidades do país “non apreciamos moitas diferencias”. Neste punto, Sabela Maneiro recorda que na edición XIV do Festival Plenilunio Folk do concello de Camargo, en Cantabria, celebrado o pasado 17 de xuño, “a conexión foi total, a sensación foi de estar actuando en Galicia”.

Tanxugueiras son hoxe en día todo un referente para todos aqueles grupos que fan música folk. Ante a pregunta de se en algún momento chegaron a plantexarse cantar en castelán, as artistas non lle ven sentido a facelo ao tratarse de cancións que nacen da música galega. “Se fose unha canción tradicional de Salamanca, tería sentido que se cantase en castelán, pero non é o noso caso”, di Sabela.

Pensando nun futuro próximo, afirma, en acordo coas súas compañeiras, que “non teñen retos nin ningún tipo de barreira” e con todo “agardan chegar a Sudamérica e ao máximo de lugares posibles”.

Por agora pensan no que lles depara nos meses de verán, nos que ofrecerán unha decena de concertos. As próximas citas nas que se poderá gozar da voz e espectáculo de Aida Tarrío xunto a Olaia e Sabela Maneiro, será este venres nun concerto en Sestao (Bizkaia), e ao día seguinte estarán en A Estrada. Arrancarán o mes de xullo cunha actuanión no Asalto ao Castelo, Vimianzo, á que Sabela invita a todo o mundo a estar alí, ao tratarse da primeira ocasión en formar parte deste cartel. Ademais, no que resta do ano esperan lanzar novos temas.