Aberto o prazo para solicitar subvencións destinadas ás asociacións de veciños

As axudas contan cun orzamento de 98.000 euros

Xunta de goberno local celebrada este luns en Raxoi

Xunta de goberno local celebrada este luns en Raxoi / Raxoi

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións veciñais de Santiago para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral. Estas axudas contan cun orzamento de 98.000 euros. Tamén se deu luz verde a un convenio por importe de 60.000 euros coa Cociña Económica de Santiago e outros dous convenios por valor total de 30.000 euros co Club Triatlón Santiago e coa Federación Galega de Baloncesto. Poden acollerse a esta convocatoria todas as asociacións veciñais do municipio que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Santiago con anterioridade á publicación no BOP desta convocatoria, teñan os seus datos actualizados e estean ao corrente das súas obrigas tributarias.

Segundo as bases, serán subvencionables os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento de actividades e programas de interese xeral para a cidadanía durante o exercicio 2023. Gastos como a prestación de servizos de información, asesoramento, comunicación e divulgacion; de formación e ocio; de participación da cidadanía e apoio a outros colectivos do barrio (debates, asembleas, encontros); así como actividades sociais e outros gastos de funcionamento da entidade (administración, asesoramento, material derivado da covid, prensa, etc.). A contía máxima que se concederá a cada solicitude virá limitada pola puntuación que acade a entidade. O importe subvecionable será, como máximo, o 80% do orzamento de gastos que se detalle no formulario da solicitude, cun máximo subvencionable de 3.000 euros, ou 5.100 euros naqueles casos de entidades veciñais propietarias de equipamentos socioculturais. A presentación de solicitudes, que estarán dispoñibles na sede electrónica da web do Concello de Santiago, será de 10 días hábiles a contar desde o seguinte a publicación destas bases no BOP.