“Respecto a decisión da alcaldesa de non asistir á Ofrenda, vincúlase ao ámbito das conviccións”

O director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos, non ten dúbida de que o Concello compatibilizará a ‘Alba de Compostela’ cos actos litúrxicos e cos demais eventos do día 25 de xullo “porque é o normal”

O cóengo e director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos.

O cóengo e director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos. / Ana Triñáns

Ana Triñáns

O sábado 15 de xullo comeza a novena do Apóstolo, un dos eventos previos ao día grande, o 25 de xullo, cando se realiza a tradicional Ofrenda ao santo. Un evento litúrxico ao que desestimou asistir a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e que levantou moita polémica entre os partidos da oposición. Algo que sen embargo non acontece no seo catedralicio. Ao igual que no seu día o arcebispo Francisco Prieto asegurou “respectar a decisión de alcaldesa” e manter igualmente as portas da Catedral abertas por se ésta cambiaba de idea, o cóengo e director da Fundación Catedral subscribe as palabras de monseñor e engade en conversa con este diario que, “non é a primeira vez que acontece nin é cuestión de seguir insistindo, debemos ter o máximo respecto polas decisións persoais, máis cando se vinculan ao ámbito das conviccións”.

Arredor do día grande de Santiago e das xornadas previas, o cóengo asegura que tanto a atención aos peregrinos como a seguridade interna da Catedral “están controladas e non son ningún problema”. Nos últimos días entregáronse na Oficina do Peregrino “case 3.500 compostelas” e Lorenzo asegura que están preparados para atender, incluso, “un grupo superior”. En relación coa seguridade interior do templo para eses días, “xa se reforzou hai un par de xornadas porque comezamos a tempada alta”. En calquera caso, o cóengo insiste en que “a xestión márcaa a capacidade do interior da Catedral, que está perfectamente controlada” pero tamén explica que “non son os peregrinos os que colapsan o templo, máis ben son os visitantes”. Neste sentido, Lorenzo recalca que “non hai forma de atender todas as solicitudes de persoas e institucións que queren asistir á Ofrenda, pero a capacidade é a que é”.

Incidindo no tema da seguridade para as xornadas previas ao 25 de xullo e para o propio Día do Apóstolo, Daniel Lorenzo aclara que a seguridade privada do interior do templo “vela pola seguridade das persoas e do patrimonio”, e aclara unha vez máis que no exterior do templo “non temos competencias”. O cóengo conta que aínda que sempre aumenta o número de peregrinos e visitantes arredor do 25 de xullo, este ano “os picos máis probables de visita seguramente estean relacionados coa JMJ de Lisboa”, en referencia á Jornada Mundial de la Juventud que este ano se celebra na capital portuguesa a comezos de agosto. “Ata o 25 de xullo e despois da JMJ, arredor do 8 de agosto, a afluencia será moi importante”.

‘Alba de Compostela’

Na conversa mantida co director da Fundación Catedral, tamén se abordou a segunda cuestión coa que os grupos da oposición municipal discrepan coa actual Goberno e tildan a iniciativa de “contraprogramación á Ofrenda”.

Ante a celebración deste acto institucional municipal, de recoñecemento a persoas e entidades con especial significación na cidade e no seu crecemento, Daniel Lorenzo é contundente: “o Concello fará un esforzo por evitar que uns eventos se solapen con outros, non teño dúbida de que niso estarán a traballar porque é o normal”. Lorenzo tamén lembra neste aspecto que “non sería a primeira vez que coincidan varios actos o 25 de xullo”, e lembra que tamén había a misa de Rosalía ou que nalgún ano se entregaron tamén ese día as Medallas de Galicia. “Para nós o acto central é a Ofrenda”, pero os outros actos “mentres non se solapen e estean coordinados poden ser compatibles”, asegura o director da Fundación Catedral.

Concerto no Auditorio o día 20

Oficio de caminantes é un oratorio de músicas cristiás pregregorianas composto por Ricardo Llorca para a visita do Papa Francisco (truncada pola pandemia). Estréase o 20 de xullo ás 20.30h., coa Filharmonía de Galicia no Auditorio. “A Catedral non é un espazo con boa sonoridade para unha orquestra grande”, explica o cóengo, que destaca que se trata dunha estrea mundial.

“O mecenado privado da Catedral aumenta se hai achegas das administracións públicas e se poden facer obras”

A fundación catedralicia segue en contacto con outras entidades para sacar adiante novos proxectos

“O mecenado privado ten unha forma de evolución moi curiosa”, declara o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Segundo explica o cóengo, “se hai máis achegas públicas e se fan obras tamén o mecenado medra”, máis tamén indica que “en Santiago o grande mecenado nunca foi potente” senón que o Plan de Mecenado da Catedral evoluciona máis ben a través do micromecenado e das colaboracións puntuais.

Obras de restauración do templo compostelán / Lavandeira JR

Obras de restauración do templo compostelán / Lavandeira JR / Ana Triñáns

Daniel Lorenzo indica que esta situación se reactiva “cando temos máis recursos das adminitracións públicas, aí o mecenado aumenta tamén”. De todos xeitos, o cóengo da Catedral tamén fai mención ás últimas crises, en especial ás crises bancarias, “que deixaron o mundo da empresa moi lastrado”.

O traballo da Fundación Catedral e do seu Plan de Mecenado, que botou a andar en 2013 para a realización de restauracións e a promoción do templo, continúa na busca de recursos e proxectos comúns con outras institucións, segundo lle conta a EL CORREO Daniel Lorenzo, que prefire non adiantar acontecementos en canto ás negociacións que teñen lugar na actualidade.