A comunidade universitaria da USC leva reciclados máis de 8.000 envases

A USC é a primeira universidade de Galicia en contar co Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos.

As seis máquinas RECICLOS instaladas no campus compostelá permiten colaborar con causas sociais a través da práctica da reciclaxe

Os universitarios levan reciclados máis de 8.000 envases

Javier Rosende Novo

Redacción

O número de envases recollidos nas seis máquinas RECICLOS instaladas en diferentes puntos da USC dende comezos de ano logrou superar a barreira das 8.000 latas (681 en total) e botellas (7.396). Os datos evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe a través do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos. “Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos ao longo dos últimos meses porque amosan o compromiso da comunidade universitaria coa sustentabilidade. O programa RECICLOS contribúe a transmitir valores como o respecto polo medio ambiente a través dun xesto tan sinxelo como é o da reciclaxe”, explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa. 

As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta RECICLOS, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obteñen puntos, denominados RECICLOS, que poden cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Deste xeito, a USC convértese na primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe.

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das máquinas situadas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, e na Facultade de Matemáticas. No caso do campus compostelá, esta é unha iniciativa piloto que tamén se desenvolverá no Campus de Lugo cando Ecoembes dispoña na cidade da infraestrutura precisa. 

Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela dende o ano pasado, onde máis de 600 contedores amarelos da cidade xa contan coa tecnoloxía RECICLOS, podendo os veciños e veciñas recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.