A maior parte das vítimas da trata na área de Santiago son latinoamericanas

 O 90% das mulleres vítimas da trata son inmigrantes procedentes de países pobres

As educadoras do programa Vagalume visitan clubs e pisos de alterne periodicamente / Cedida

As educadoras do programa Vagalume visitan clubs e pisos de alterne periodicamente / Cedida / Ana Triñáns

Ana Triñáns

O 30 de xullo Nacións Unidas (ONU) celebra o Día Mundial contra a Trata, conmemoración que ten por obxectivo sensibilizar os gobernos, as forzas da orde e a sociedade civil para acabar co tráfico de persoas. “Debemos reforzar a resistencia contra a explotación e os problemas socioeconómicos e culturais que subxacentes que propician a trata”, din a través do seu sito web. Unha idea coa que coincide Lourdes Pazo, coordinadora do proxecto Vagalume promovido por Cáritas e Oblatas, que falou con EL CORREO do seu labor e da situación da trata en Santiago e arredores.

"As mulleres que exercen prostitución adoitan ser mulleres estranxeiras en situación irregular”, comenta Pazo. “En Galicia a trata afecta sobre todo a mulleres latinoamericanas, no resto de España o perfil é máis variado e inclúe sobre todo a mulleres de proxe subsahariano e da Europa do leste que exercen en clubs, pisos ou na rúa". Segundo a información que manexa a coordinadora de Vagalume (integrada na Rede Galega contra a Trata), que traballa de forma directa coas mulleres explotadas, en Galicia en xeral as vítimas son de orixe latinoamericano, “dende hai dous tres anos hai sobre todo colombianas, pero tamén dominicanas, venezolanas, paraguaias”. Persoas que veñen de lugares en conflito ou de extrema pobreza, “veñen de vivir unha violencia extrema, ben familiar, ben polo conflito da guerriña no caso de Colombia, etc.”. A situación habitual é que estas mulleres, maioritariamente entre os 25 e os 35 anos son “avanzadiña do resto da familia”.

O proxecto Vagalume traballa con mulleres que exercen a prostitución e tamén coas vítimas da trata, Lourdes Pazo recalca esta diferenciación porque “a prostitución en España é alegal, a trata é un delito, por iso a segunda está perseguida pero a súa visibilización é difícil porque non sempre se denuncia”. Evitar a denuncia pode deberse ao medo, á estigmatización social e tamén a falta de información, por iso dende Vagalume fan traballo de rúa. “Cada semana dúas educadoras do programa achéganse a clubs e pisos de prostitución para informar as mulleres sobre o noso recurso, cuestións sociosanitarias, darlles material de prevención e tamén amosarlles as alternativas”. Pazo asegura que se hai outras posibilidades “a prostitución non é unha opción para elas”. “Nós informámolas, a información é poder, e cando coñecen as alternativas e os seus dereitos pasado un tempo saen adiante de forma autónoma”.

“Traballamos para todas, para as que seguen a traballar na prostitución tamén, con asesoramento para que poidan exercer nas mellores condicións para elas”, explica a coordinadora do programa. “Queremos subliñar”, recalca “que non son prostitutas, son mulleres, o termo estigmatiza e cousifica”.

Lourdes Pazo explica que o 90% das mulleres vítimas da trata son inmigrantes procedentes de países pobres. No Centro de Día co que conta o proxecto Vagalume, ofréceselles asesoramento xurídico, laboral e psicolóxico para que, entre outras cousas, poida regularizar a súa situación, acceder aos servizos sanitarios, etc. Vagalume ten ademais un piso de acollida para estas mulleres, que conta con catro prazas mais unha para emerxencias.

Sobre a chegada destas mulleres á nosa contorna e á prostitución, Lourdes Pazo explica que se dan dous modos, “hai mulleres que saben que veñen a exercer a prostitución, outras son vítimas da trata, pero en ambos casos debemos falar de explotación sexual”. As vítimas da trata, conta veñen enganadas, “funcionan as redes informais alguén lles di que aquí as cousas son fáciles” e, de seguido, o habitual é que se endebeden para pagar o billete de avión, para presuntamente arranxar os papeis... e acaba abocadas a saldar a débeda nun club ou nun piso de alterne. Ademais, “moitas delas son nais que deixan os nenos no lugar de orixe e queren traelos”.

Igual que en situacións de maltrato físico ou psicóloxico, no caso da trata de persoas, algunhas mulleres vítimas co tempo pasan tamén a traficar con seres humanos ou a enganar outras mulleres para que caian na rede da trata. E segundo recolle a ONU no Informe mundial sobre a trata de persoas 2022, estas mulleres que tamén son ‘tratantes’ teñen máis posibilidades que os homes de seren condenadas, tamén aquí hai fenda de xénero. Así, o documento de Nacións Unidas reflicte que mentres que das persoas investigados, o 72% son homes e o 28% mulleres, á hora de seren enxuizadas a porcentaxe pasa do 64% dos homes ao 36% das mulleres e, finalmente, cando do que se fala é de que a xustiza condene, as porcentaxes son: 59% dos homes e 41% das mulleres que trafican con seres humanos

Trata de menores

Segundo explica a coordinadora de Vagalume, a trata non se circunscribe só ao tráfico e explotación sexual de mulleres, tamén se dá o tráfico de menores, pero máis difícil de percibir e quizais non tanto dende Latinoamérica senón que a súa procedencia pode ser máis habitual dende Romania ou Nixeria. “A trata de menores é unha cuestión complexa, en España dáse sobre todo entre persoas subsaharianas ou rumanas, que pasan máis desapercibidas á hora de entrar, xa que non chegan por avión”, especifica.

De novo, os países de orixe padecen unha importante pobreza e en moitos casos conflitos bélicos que que contribúen a que aumenten os casos de trata. Segundo o Informe mundial sobre a trata de persoas, elaborado pola ONU para 2022, nos últimos anos, ademais, aumentou a impunidade nos países de orixe, o que dá lugar ao incremento do tráfico de persoas. E outra das circunstancias que contribúe a este aumento é o cambio climático, porque segundo informa Nacións Unidas, a perda das colleitas implica maior pobreza e as catástrofes climáticas tamén impulsan a migración.

Novas formas de prostitución

Hai moita prostitución que ten que ver coas redes sociais e coa pornografía”, destaca Lourdes Pazo, “son novos modelos de prostitución ligados aos conceptos sugar baby e sugar daddy (onde se establece un vínculo de intercambio de ‘favores’) e a internet, á aplicación de citas Tinder, a pornografía... maneiras non directas de prostitución”.

Unha nova forma de explotación sexual que afecta ás mulleres máis novas e universitarias, que ben nesta práctica unha fonte de ingresos e non teñen consciencia de que sexa unha explotación.