Curtocircuíto celebra vinte anos promovendo o cinema máis innovador dende Compostela

O festival internacional de cinema celébrase este ano do 3 ao 8 de outubro

Reinvéntanse nesta 20ª edición: anuncia nova identidade visual e sección "Cosmos"

Festival Curtocircuíto 2015 na Praza das Patrerías

Festival Curtocircuíto 2015 na Praza das Patrerías / Curtocircuíto

ECG

O Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTO celebra vinte anos de traxectoria consolidándose como un dos festivais máis senlleiros de Galicia. Do 3 ao 8 de outubro o Teatro Principal e outros espazos do casco histórico acollerán por vixésimo ano consecutivo proxeccións, espectáculos audiovisuais, encontros e outras actividades dirixidas a quen goce do cinema en pantalla grande.

Curtocircuito está organizado polo Concello de Santiago (Compostela Cultura) e conta co apoio, entre outros, da Deputación de A Coruña, AGADIC ou a ICAA, nunha 20ª edición que chega chea de novidades.

Cosmos, principal novidade do vixésimo aniversario

Curtocircuíto cumpre vinte anos cunha edición chea de novidades, renovando a súa identidade visual e reconfigurando o seu modelo de festival ao redor de sete seccións, dúas competitivas e cinco paralelas, e seis sesións especiais.

No 2013 Curtocircuíto viviu a súa primeira transformación: implementou na súa proposta outras artes visuais, incluíu longametraxes e creou as seccións Radar, Penínsulas, Planeta GZ, Terra, Púlsar ou Supernova, entre outras. O seu  imaxinario, dende entón vencellado á exploración de novos territorios, acolleu máis de tres mil filmes. Dez edicións despois, o festival volve a reinventarse para ofrecer un modelo que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos. Nela concentraranse os filmes que antigamente acollían Explora, Radar ou Penínsulas. A vontade de Cosmos é romper as barreiras dos xéneros e a procedencia territorial para poñer os filmes a dialogar sen límites. Cosmos nace para levar a Curtocircuíto a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilización e a reflexión.

A sección Cosmos é unha das novidades desta vixésima edición

A sección Cosmos é unha das novidades desta vixésima edición / Curtocircuíto

Planeta GZ, Supernova ou Terra seguirán sendo, ademais doutras sesións especiais, os tres grandes espazos onde o cinema galego teña o seu punto de encontro. Por outra banda, o festival pecha a etapa de seccións como Longas x Curto, Curmaos ou Playlist e pola contra medra en sesións especiais con convidadas e convidados que acheguen propostas experienciais, máis aló da proxección convencional. Curtocircuíto ofrecerá espectáculos A/V en directo, nos que converxan artes visuais e sonoras, atendendo ao interese dunha programación innovadora, afastada da oferta pasiva das plataformas VOD e das salas comerciais.

Nova identidade visual

Esta edición trae outras dúas novidades: a identidade gráfica do festival e a propia campaña promocional para 2023. Realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival, é atemporal, cabalga entre a liña do moderno e o clásico e acepta sen dificultades un desenvolvemento futuro. 

Dende o festival Curtocircuíto afirman que sempre entenderon que a comunicación do festival é parte da súa liña de programación. Por iso dende hai máis dunha década a campaña promocional de cada edición afonda nos conceptos de “misterio” e “exploración”. A misión de Curtocircuíto é chegar a novos territorios da creación artística e por iso a súa imaxe sempre está vencellada á paisaxe e os lugares por descubrir.

Curtocircuíto 2018 no Teatro Principal

Curtocircuíto 2018 no Teatro Principal / AigiBoga

Curtocircuíto en Filmin

Entre outras accións especiais, para celebrar o seu 20º aniversario, Curtocircuíto recupera a súa canle en Filmin. Presentarase un programa de 20 pezas; unha selección dos mellores filmes curtos das últimas dúas décadas, innovadores, rupturistas e visionarios.

Curtocircuíto: 20 anos de Historia

Nestes vinte anos visitaron o Festival nomes históricos do cinema mundial como Aki Kaurismäki, Abel Ferrara, Peter Greenaway, Ulrich Seidl, Todd Solondz, Pedro Costa ou Jørgen Leth; referentes do cinema de vangarda como Peter Tscherkassky, Sergei Loznitsa, FJ Ossang, Bertrand Mandico ou Mike Hoolboom; algúns dos fotógrafos contemporáneos máis destacados do país, como Cristina de Middel, Lua Ribeira, Alberto García-Alix, Joan Fontcuberta ou Ricardo Cases; músicos e investigadores sonoros como David Toop, Francisco López, Jacob Kirkegaard ou Blixa Bargeld; e se lle adicaron a suas primeiras retrospectivas individuais en España a destacadas creadoras contemporáneas: Jessica Sarah Rinland, Ana Vaz, Laura Huertas Millán, Gabriel Abrantes, Andrew Norman Wilson, João Salaviza, Caroline  Poggi ou Teddy Williams. Na sua teima por explorar a converxencia das artes visuais e sonoras, o festival convidou tamén nestes anos a artistas imprescindibles da vangarda experimental: Myriam Bleau, Ryoichi Kurokawa, Alex Augier, Pedro Maia, Martin Bernier, Vessel, Elías Merino ou Marta Valverde.

Para a súa edición de 2023 Curtocircuíto mantén o seu compromiso por apoiar ao cinema independente galego e internacional, e reafirma a súa aposta polas experiencias visuais en vivo, insubstituibles polas plataformas en liña.

Eva Geist na Sala Capitol no Curtocircuíto de 2022

Eva Geist na Sala Capitol no Curtocircuíto de 2022 / Aigi Boga

Sedes

Como en cada edición, as sedes do festival contribúen a dar carácter ao seu programa, por seren patrimonio cultural e social co que a veciñanza se identifica e que os forasteiros saben apreciar: o Teatro Principal -construído en 1841-, a sala Numax -referente do cinema independente na cidade- e a Sala Capitol -emblemática sala de concertos- acollerán esta cita imprescindible que xa forma parte da educación artística e sentimental de consecutivas xeracións.

A clausura do festival celebrarase o 8 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se dará a coñecer o palmarés desta agardada 20ª edición.