A historia, preto da cidadanía compostelá con ‘Baixa á praza’

Mazarelos.gal, con Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro á fronte, ofrece a segunda edición dunha iniciativa que profunda nas cuestións do pasado en conversas de 20 minutos con especialistas de cada área que suben a YouTube

Miguel Rodríguez, impulsor xunto a Brais Ferreiro de ‘Baixa á praza’, cun exemplar da revista ‘Mazarelos’ .

Miguel Rodríguez, impulsor xunto a Brais Ferreiro de ‘Baixa á praza’, cun exemplar da revista ‘Mazarelos’ . / koro martínez

Formados moi preto da compostelá praza de Mazarelos, xa que ambos estudaron na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro demostran ser dous apaixonados dunha disciplina que desde hai anos queren compartir coa cidadanía a través de diferentes proxectos divulgativos.

Impulsores cando aínda eran universitarios do blog Mazarelos.gal, no que compartían cuestións que consideraban interesantes para a xente en xeral, Miguel Rodríguez explica en conversa con este xornal que “pouco a pouco o que era unha afición empezou ocupar tanto tempo libre que apostamos un pouco por profesionalizalo e que fora o noso traballo”. Fundaron a cooperativa grazas a unha campaña de micromecenado en febreiro de 2021, e por agora asegura que non teñen queixa.

De feito, acaban de presentar a segunda edición dunha das súas iniciativas de divulgación histórica máis salientables, Baixa á praza, un ciclo de entrevistas con especialistas en determinadas facetas da historia duns vinte minutos de duración e que se poden seguir a través do canal YouTube e na web mazarelos.gal.

Co obxectivo de poder achegar contidos rigorosos á sociedade en xeral cunha linguaxe accesible, en cada entrega propónse unha materia relacionada coas ciencias sociais e as humanidades nas que enfocar outras olladas e xerar novas preguntas a algún experto na mesma.

Nesta segunda edición haberá tamén seis encontros, ao igual que na primeira, e xa están dispoñibles para o público os tres primeiros, protagonizados pola escritora Susana Sánchez Aríns, que fala sobre literatura, memoria histórica e espazos de memoria; o arquiveiro e director do Museo das Mariñas, Ángel Arcay Barral, quen se adentra no mundo dos arquivos, a historia local e as mulleres espontaneadas, e a prehistoriadora Mar Linares, quen conversa sobre a presenza da Prehistoria no xornalismo, no ensino e na divulgación.

O seguinte vídeo será o do xeógrafo e profesor da USC Valerià Paül, conversa que se poderá consultar nuns quince días, segundo sinala Miguel Rodríguez, quen asegura que os outros dos protagonistas desta nova entrega están tamén xa moi avanzados.

Trátase dun ciclo de entrevistas apoiado polo Concello de Santiago, e que teñen lugar en diferentes prazas e parques da contorna da cidade. Na primeira tempada temáticas como o xénero, a gastronomía e a memoria en diferentes procesos históricos foron as protagonistas da man de invitadas como Ofelia Rey Castro, Xosé Manoel Núñez Seixas, Daniela Ferrández Pérez ou Xavier Castro, e foron publicándose entre outubro e decembro de 2021 os catro primeiros e en 2022 os dous que faltaban desa edición.

Preguntado sobre a repercusión que están a ter estas conversas do ciclo Baixa á praza, Miguel Rodríguez indica que depende un pouco, pero que a entrevista con Ofelia Rey ten mil e pico visitas en Youtube, e que a publicación anunciando a entrevista a Mar Linares, que foi a semana pasada, ten en Twitter dez mil visualizacións”, e destaca a posibilidade que ofrecen a redes sociais de “poder interactuar cos protagonistas, onde eles te responden”.

A cooperativa Mazarelos conta ademais cunha revista que edita cuatrimestralmente en formato papel, e ofrece aos interesados asesoramento histórico e soporte para diferentes cuestións relacionadas coa divulgación histórica e cultural.