Plataforma Loita: “Cando separas o neonato da súa nai vulneras os dereitos da crianza”

A organización reúnese hoxe coa xerencia do CHUS para solicitar melloras na atención dos partos

Entre o que piden: acompañamento e prácticas ‘pel con pel’ nas cesáreas

Tamara Campos xunto ao seu bebé Roi / Cedida

Tamara Campos xunto ao seu bebé Roi / Cedida / Ana Triñáns

A Plataforma Loita, organización cidadá para velar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes, reúnese hoxe coa xerencia do Hospital Clínico (CHUS), como xa antes o fixo nos hospitais de Pontevedra (cidade na que reside a presidenta, Tamara Castro) e Vigo.

O motivo deste encontro coa xerencia do CHUS e solicitarlle tres cuestións primordiais vencelladas cos protocolos nos partos. “Pedimos tres cousas que nos parecen as máis urxentes”, explica Tamara Castro, “que son fáciles de aplicar e non precisan de investimento económico, só de vontade”. Refírese Castro ao acompañamento de menores nas probas médicas, á implementación das prácticas CPP (Contacto Pel con Pel) e o que coñece como ‘partos respectuoso’.

Tamara Castro tivo a Roi hai agora un ano e por unha deformación no cránio tivo que someterse a rehabilitación con tan só seis meses. “Tivemos que ir a atención temperá e dixéronme que tiña que deixar o neno en rehabilitación e que mo entregarían en 45 minutos”, lembra Castro, algo que ela non consentía, “non só polo dereito do neno a estar coa súa nai, senón porque cando tes que facer rehabilitación cun bebé tamén tés que aprender”. A presidenta da plataforma reivindica para todas as nais este acompañamento, “porque a lei di que todos os menores teñen ese dereito”.

A segunda das cuestións importantes para a Plataforma Loita é o protocolo Pel con Pel. “Algo que apoian milleiros de estudos”, asegura. “Cando separas o neonato da súa nai vulneras os dereitos da crianza”.

A Comisión de Lactancia Materna da Asociación de Pediatría recolle, na súa guía de boas prácticas di o seguinte: “Tendo en conta os beneficios do contacto pel con pel, as recomendacións actuais e os efectos que produce a separación, parece evidente e imprescindible tomar as medidas necesarias para por en marcha estratexias que permitan poner en práctica o CPP tralas cesáreas”.

A este respecto Castro lembra que o CPP “é o mellor para comezar canto antes coa lactancia, pero tamén para manter o contacto do bebé co corazón da nai e establecer un vínculo de apego”. Castro lembra que isto o recollen tamén a Organización Mundial da Saúde e o Ministerio de Sanidade.

A terceira proposta da xuntanza de hoxe é precisamente a dos partos respectuosos, aplicando o CPP tras a cesárea pero tamén permitindo “que nai estea acompañada pola súa parella durante o parto agás no caso de que haxa un alto risco”. E tamén nesta dirección reivindican “que non se ate as embarazadas para unha cesárea porque non é necesario, xa que vas coa epidural, non totalmente sedada”, fala Xoana Pintos, da Asociación Teta e Coliño. Castro explica que Pontevedra adaptouse sen custos a esta práctica

Xoana Pintos Castro, de Teta e Coliño / Jesús Prieto

Xoana Pintos Castro, de Teta e Coliño / Jesús Prieto / Ana Triñáns

A experiencia no seu primeiro parto, de Xoana, está precisamente relacionada co CHUS e coa cesárea. “O meu fillo ten 12 anos, o servizo mellorou, pero ten que mellorar máis”. Segundo conta, aínda que chegou cunha dilatación de oito centímetros, produciuse “unha cascada de intervencións médicas”. “Recomendáronme a epidural por ser primeiriza e porque podía chegar a estar 12 ou 24 horas no parto”, cando xa levaba cinco en fase de expulsivo. Xoana aceptou e a epidural interrompeu as contraccións, polo que tiveron que aplicarlle oxitocina sintética. Logo rompéronlle a bolsa e despois aplicaron a manobra de Kriesteller (que consiste e apretar cos puños ou co antebrazo o colo uterino para axudar no descenso da cabeza), unha manobra que na actualidade está prohibida nalgúns países. O resultado foi unha nai con problemas de mobilidade por dous anos e un neno que naceu con fatiga, tamén polo esforzo do parto, polo que tivo que estar unha semana na UCI, lembra Xoana.

Tanto ela coma Tamara, coinciden en que, con esta xuntanza, “co pouquiño que consigamos seguiremos traballando, por pouquiño que consigamos, a nosa política é ir pasiño a pasiño”.