Conta atrás para a segunda andaina solidaria contra o cancro o día 23 en Santiago

Organizada pola AECC co apoio do Concello, o obxectivo é superar o millar de participantes

María Rozas e Francisco Pais coas camisetas da andaina do día 23

María Rozas e Francisco Pais coas camisetas da andaina do día 23 / koro martínez

Superar os oitocentos participantes do ano pasado e incluso o millar é un dos obxectivos da segunda edición da andaina En marcha contra o cancro, organizada pola AECC Santiago co apoio do Concello compostelán, que terá lugar o 23 de setembro, coincidindo co Día Mundial da Investigación Contra o Cancro.

Todo o recadado na xornada, que comezará a partir das 10.00 horas da mañá na Alameda e onde tamén se celebrará a feira divulgativa Ciencia para todos, irá destinado a apoiar aos doentes e as súas familias, así como para investigación sobre esta enfermidade.

O presidente da AECC Santiago, Francisco Pais, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentaron en rolda de prensa unha iniciativa á que a edil invitou a participar a toda a veciñanza de Compostela e doutros concellos, e agradeceu o traballo da Asociación Española Contra o Cancro “en apoio ás persoas doentes e ás súas familias, chegando a onde moitas veces non chegan as administracións públicas, aínda que deberan”.

Destacou o esforzo da AECC no seu labor de concienciación á poboación sobre hábitos saudables e prevención, as campañas de detección precoz e o impulso á investigación, e mostrou o seu desexo de que “vaia acompañado do esforzo das administracións públicas e dos recursos necesarios para garantir máis investigación e a mellor atención ás persoas doentes”.

Francisco Pais invitou á cidadanía a participar de forma masiva a na andaina, tinguindo de verde a capital galega “para impulsar a investigación oncolóxica”.

Definiu a cita do 23 como unha xornada para desfrutar dunha mañá divertida en familia, cunha andaina circular de cinco kilómetros con saída e chegada á Alameda, lembrou que despois terá lugar a feira divulgativa, con casetas onde investigadores de grupos do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, a USC, o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, BFlow biotecnología y ciencias de la salud, así como os servizos de Cardioloxía do CHUS e de Farmacia da área sanitaria de Santiago e Barbanza levarán a cabo experimentos interactivos para pequenos e adultos.

As inscricións poden formalizarse na web da entidade, na sede da AECC en Santiago e no Corte Inglés ata o 22, e o mesmo día da andaina na Alameda ata unha hora antes. Cunha cota de dez euros para adultos e cinco para menores de 12 anos, Pais fixo un chamamento tamén a colaborar aos cidadáns que non poidan acudir, a través de Bizum —no 06505— ou na conta do Banco Santander con IBAN ES54 0049 0007 2326 1212 4606 incluíndo o concepto “Contraelcáncer Santiago”.