O Arquivo de Arquitectura de Galicia nacerá na Cidade da Cultura impulsado polo COAG

O Colexio asinou onte un protocolo de colaboración coa Consellería de Cultura e Educación

Parte dos protagonistas do acto no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

Parte dos protagonistas do acto no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) / Jesús Prieto

Redacción

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinou onte un protocolo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades polo que se acorda a creación do Arquivo de Arquitectura de Galicia, cuxa sede será o edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura.

O obxecto do convenio, rubricado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o decano do COAG, Luciano Alfaya, é impulsar o recoñecemento do valor cultural da arquitectura como unha manifestación sobranceira da identidade galega. Segundo os seus promotores, boa parte destes valores culturais están conservados nos legados dos profesionais da arquitectura galega que custodian proxectos, textos, imaxes, maquetas, documentos de traballo ou materiais gráficos e audiovisuais. A Consellería incluirá, ademais, unha selección destes materiais no plan anual de dixitalización de fondos documentais. Este acordo só é posible grazas á contribución de cada un dos máis de cinco mil arquitectos e arquitectas que formaron parte do noso Colexio ao longo destes, primeiros, 50 anos de historia, e que vai servir para garantir a conservación dun legado esencial na historia de Galicia”, segundo afirmou Alfaya.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou que esta nova alianza reforza as liñas de traballo levadas a cabo de xeito conxunto con iniciativas como o Proxecto Terra, co que milleiros de alumnos se teñen beneficiado nas diferentes etapas educativas con coñecemento técnico especializado, ao tempo que se incentivou o pensamento crítico e a reflexión sobre a construción. “Nada disto sería posible sen os esforzos realizados polo COAG e polos seus profesionais para reforzar a formación en Galicia e apuntalar o noso modelo educativo cunha perspectiva aplicada á propia realidade”, afirmou. E salientou, ademais, a aposta de Galicia pola arquitectura como disciplina técnica, como demostra o traballo que se fai desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, “un dos centros de referencia e de maior prestixio”.

O acto tamén serviu para iniciar a celebración do 50 aniversario do COAG, que en 1973 se segregaba do anterior Colegio de León, Asturias y Galicia. Varios decanos anteriores da institución recibiron un diploma conmemorativo, sendo José Manuel Rey Pichel, decano entre 1989 e 2003, o que interveu en representación de todos os distinguidos. O evento finalizou coa presentación do libro editado polo Colexio La arquitectura de Galicia, Dos mil años de historia, de José Ramón Alonso Pereira, catedrático de Historia da Arquitectura e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e da Universidade da Coruña (UDC). “Os séculos románicos e barrocos foron claves para conformar o país e definir a súa forma. No século XX destaca o proxecto moderno que caracterizou a imaxe recente, precisada cando a Galicia autonómica constrúe a realidade actual, co emblema urbanístico que supuxo o Xacobeo 93 e os sucesivos”, sinalou Pereira.