Desde este mércores, 20 de setembro, e ata o domingo 24, o festival Maré encherá Compostela de músicas, nun cartaz con numerosos artistas internacionais, moitos dos cales se presentan por vez primeira en Galicia. O festival terá lugar en espazos como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Sala Capitol ou o Salón Teatro, ademais de prazas emblemáticas como a da Quintana ou Mazararelos, con actuacións de balde o sábado 23 ao longo do día.

Máis de 25 actuacións celebraranse en Maré, con bandas chegadas de dez países diferentes. Desde o concerto especial de apertura de Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia, estreando a versión sinfónica dos Seis poemas galegos de Lorca, pasando pola brasileira Bia Ferreira, a sensación cubana da salsa Alexander Abreu & Havana D’Primera, ou coa presenza de Don Letts Dj Set, lexendario cineasta e produtor que influenciou o punk británico, que actuará con Soom T & The Stone Monks.

Ao longo dos cinco días de festival, gozaremos de artistas como Pol Batlle e Rita Payés, Fetén Fetén, a portuguesa Maro, Fémina, Nidia Góngora, Fado Bicha ou Dj Floro. Haberá tamén unha nutrida representación de artistas galegos, como Mundo Prestigio, Maricarme, O Rabelo ou Abraham Cupeiro, que actuará coa Banda Municipal de Santiago, e unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junkera, que estará presente no festival.

A programación completa está dispoñible na páxina web do festival mare.gal onde tamén se poden adquirir as entradas para os espectáculos de pagamento.