Os socialistas de Santiago denuncian o abandono do muro da Avenida de Lugo

Mila Castro explica que a actuación de naturalización deste muro iniciouse co obxectivo de “avanzar cara un urbanismo sostible que contribúa a baixar a temperatura e mellorar a calidade do aire nunha zona de moito tráfico”

Actual situación de abandono do muro da Av. de Lugo

Actual situación de abandono do muro da Av. de Lugo

El Correo Gallego

Silvas e árbores comezan a aflorar no muro da Avenida de Lugo ante o aparente abandono por parte da concellaría de Parques e Xardíns. A anterior responsable deste departamento durante o mandato socialista, Mila Castro, esixirá no próximo pleno ao concelleiro que dea as instrucións oportunas para que o departamento continúe a manter e conservar este espazo.

Castro explica que esta actuación, promovida durante o mandato socialista, buscaba avanzar cara un urbanismo sostible “xerando espazos verdes que contribúan a reducir a temperatura ambiente, promover a biodiversidade na cidade e mellorar a calidade do aire nunha zona de moito tráfico de vehículos”.

Trátase duns xardíns verticais que se instalaron no 2021 para tapar o enorme muro de formigón que reforza o noiro da avenida de Lugo cos terreos do Seminario Menor de Belvís, xerando unha cuberta vexetal que, recalca “é algo que se está a facer en outras cidades europeas”: “non podemos permitir a degradación da imaxe deste importante espazo, non só polos efectos que puidera traer para as especies plantadas, que se vén rodeadas por estas outras invasoras, senón pola imaxe visual que se está dando a quen pasa pola avenida” recalcou a edil socialista.