A Real Academia Galega de Ciencias recoñece a un científico da USC coa 'Medalla de Investigación'

Jesús Salgado, con Aurora Grandal, David Posada, Fernando Obelleiro e Ricardo Cao, recolle hoxe o galardón que recoñece a súa traxectoria investigadora desde a comunidade autónoma

A  Real Academia Galega de Ciencias recoñece o traballo de Jesús Salgado

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece o traballo de Jesús Salgado / USC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de recoñecer ao catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da Universidade de Santiago (USC) Jesús F. Salgado Velo coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais.

As Medallas de Investigación da RAGC, un total de cinco recoñecementos noutras tantas áreas, alcanzan este ano a súa quinta edición e valoran as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

A entrega terá lugar no transcurso do acto de conmemoración do Día da Ciencia en Galicia hoxe, mércores 4 de outubro, no compostelán Colexio de Fonseca.

Xunto a Jesús Salgado, foron recoñecidos tamén o catedrático de Xenética da Universidade de Vigo (UVigo) David Posada González, coa Medalla Ángeles Alvariño en Bioloxía e Ciencias da Saúde; o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén da UVigo Fernando Obelleiro, no campo das Ciencias Técnicas co galardón Isidro Parga Pondal; o Enrique Vidal Abascal correspondeulle ao catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña (UDC) Ricardo Cao, na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e, tamén da UDC, Aurora Grandal recibirá a medalla Antonio Casares Rodríguez, de Química e Xeoloxía.

Doutora en Bioloxía, dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, onde creou o Laboratorio de Paleontoloxía Molecular, pioneiro en España, e puxo en marcha un laboratorio específico de ADN antigo, único en Galicia.

Destaca, tamén, o seu estudo interdisciplinar de Elba, a muller mesolítica de Galicia, o resto humano máis antigo atopado na comunidade autónoma.

Trinta anos de traballo

“Este é un premio para toda a investigación que se fai en Galicia no eido da Psicoloxía do Traballo e dos Recursos Humanos, un recoñecemento a esta disciplina, á Universidade de Santiago por apoiarnos no desenvolvemento dos nosos programas de investigación e a todo un equipo consolidado ao longo de 30 anos” sinalou o docente da área de Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense da USC Jesús Salgado.

O tema central das súas investigacións nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, destacan as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo.

As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.

Pola súa banda, David Posada céntrase, actualmente, no estudo da evolución xenómica do cancro e durante a pandemia promoveu a creación dun consorcio coas tres universidades e os sete grandes hospitais galegos para a monitorización da evolución xenóminca do SARS-CoV-2 en Galicia.

Ademais, é o único español cun artigo entre os 100 máis citados da historia da ciencia.

Fernando Obelleiro traballa no campo do electromagnetismo computacional e as súas contribucións científicas teñen aplicación na industria, especialmente nos sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa. Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española e introduciu importantes melloras nos buques militares desde o seu ámbito.

O traballo de Ricardo Cao aplícase en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Actualmente lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora de procesamentos de datos.