Xornada en Fontiñas sobre as vivendas colaborativas: a tendencia consolídase en Galicia

O Centro Sociocultural das Fontiñas acolle o xoves 5 de outubro unha xornada aberta adicada a amosar o funcionamento desta alternativa habitacional asequible, interxeracional e especialmente axeitada nas etapas vitais da crianza e sénior.

Reunión de grupo da cooperativa La Renegà de vivenda colaborativa feminista

Reunión de grupo da cooperativa La Renegà de vivenda colaborativa feminista / CEDIDA

El Correo Gallego

O Centro Sociocultural de Fontiñas acolle este xoves 5 de outubro a xornada ‘Vivenda cooperativa desde a Economía Social’, aberta a todos os públicos interesados.

Busca impulsar en Galicia o cohousing en cooperativa como un modelo de acceso á vivenda economicamente asequible e socialmente solidario. Un modelo residencial con capacidade interxeracional, pero especialmente necesario nas etapas vitais de crianza e sénior, cando máis se perciben a falta dunha rede comunitaria, como unha alternativa de apoio mútuo fronte á soidade non desexada.

A iniciativa conta coa participación do recén formado ‘Grupo galego de vivenda colaborativa’ en asociación con REAS. Está impulsada pola cooperativa catalá Perviure, a través da súa incubadora de acompañamento de vivendas colaborativas ‘La Germinadora’, financiada con fondos europeos Perte para proxectos estratéxicos de recuperación e transformación económica.

O de Santiago de Compostela é o primeiro dos encontros que Perviure levará a cabo en outubro entre grupos, equipos técnicos e administracións españolas. Na xornada do xoves participan Iago Lestegás, concelleiro de urbanismo, vivenda e cidade histórica do Concello de Santiago e máis a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez.

Ao longo do mes, ‘La Germinadora’ fará parada tamén en Sevilla, Bilbao, Madrid e Cataluña.

Zona común dunha grande vivenda colaborativa

Zona común dunha grande vivenda colaborativa / Cedida

Que é unha vivenda colaborativa?

O estilo de vivendas colaborativas nace en Dinamarca nos anos sesenta e gaña importancia en territorios como Cataluña, Madrid, País Vasco ou Andalucía. Tanto é así que o Plan Estatal de Vivenda 2022-25 contempla axudas para este modelo residencial. Arrinca de grupos que deciden vivir en comunidade e construír ou adquirir unha ou varias vivendas e compartir derminadas zonas comúns e a contratación ou desenvolvemento de cantas necesidades consideren.

A vivenda colaborativa réxese polos principios de democracia, inclusión e participación das persoas que a habitan e parte da filosofía do coidado mútuo. Non se trata dun modelo especulativo empresarial. Os habitantes “non son unha suma de individualidades dirixidas por unha empresa promotora que toma as decisións e deixa os integrantes da cooperativa co o rol dunha veciñanza clásica que non sempre se coñece”, puntualizan desde o ‘Grupo galego de vivenda colaborativa’. En Galicia, din, a “ilusión e o esforzo” do traballo asociativo fai pensar que o modelo avanza cara a consolidarse.

Programa xXornadas Vivenda Colaborativa

Programa xXornadas Vivenda Colaborativa / Cedida

Unha xornada divulgativa

Pola mañá ás 9:30, abre as xornadas Perviure para relatar a súa dilatada experiencia no apoio e colaboración con entidades e gobernos locais de toda España para impulsar proxectos cooperativos de vivenda.

A continuación, interveñen o concelleiro de urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez. E preséntase o ‘Grupo galego de vivenda colaborativa’, formado por Outra Forma de Vivenda, Somos Amizar, O Laghar, Alvariza. Colaborativas Compostela, Habitat Social, Cohousing Galicia, Sete Oitavas, Galca, Provivenda e Alicerce Social.

Na segunda mesa da mañá, ás 11:45 preséntanse os proxectos de covivenda de atención ás persoas Cooperativa San Xerome Emiliani e Lar Lilás e as plataformas de acompañamento técnico e financiamentdo de proxectos 50 pés, Cooperativas de arquitectura e Coop57.

A tarde estará dedicada á fórmación “Etapas e puntos clave dun proxecto de vivienda colaborativa”. A inscrición pódese facer en liña na web lagerminadora.org.