Casa da Xuventude

O PSOE esixe a comparecencia do concelleiro de Urbanismo, "o autor do proxecto de derribo que Sanmartín planea"

Mercedes Rosón acusa ao bipartito de "negarlle á veciñanza compostelá un debate con todas as opcións" para a Casa da Xuventude

Os socialistas de Santiago reclamarán explicacións ao bipartito sobre o futuro da Casa da Xuventude, logo de que tamén, desde o asociacionismo veciñal, pedisen detalles da proposta de reforma que a Deputación da Coruña proxectaba sobre o inmoble.

Todo, despois de que a alcaldesa anunciase que renunciaba á subvención da entidade provincial de máis de un millón de euros para acometer esa reforma “que como sabe Sanmartín, mudaría completamente a imaxe do inmoble integrándoo na contorna do Matadoiro”, tal e como asegurou a concelleira Mercedes Rosón.

Ademais, interpela á tenente de alcaldesa, María Rozas, facendo referencia ao seu "cambio de parecer" despois de "asegurar en campaña que se tiñan responsabilidade de goberno nunca tirarían a Casa".

Desta forma, os socialistas acusan ao bipartito de “negarlle á veciñanza compostelá un debate con todas as opcións enriba da mesa”, criticando o “ocultismo e o secretismo” que, “de novo”, aplicou sobre esta cuestión a alcaldesa Goretti Sanmartín.

A prioridade de Sanmartín era cumprir co seu concelleiro”, remata denunciando Mercedes Rosón que, recorda, o proxecto de derribo da alcaldesa fora deseñado por Iago Lestegás, actual responsable da área de Urbanismo.

Por este motivo, engade, “pediremos detalles de por que se renuncia a unha subvención de máis de un millón de euros e por que se quere tirar un equipamento público” insiste.