De Tanxugueiras a Touriñán: entre os referentes no uso do galego según Alingua

No catálogo da asociación recóllense figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven o seu día a día en galego

O obxectivo desta iniciativa é visibilizar o uso do galego así como achegar referentes que conecten coa mocidade

Tanxugueiras, entre os referentes no uso do idioma galego de Alingua

Tanxugueiras, entre os referentes no uso do idioma galego de Alingua / FDV

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, Alingua, vén de lanzar o seu Catálogo de referentes, que integran figuras como as Tanxugueiras, Grande Amore, Touriñán ou Luís Davila.

Entendido como un compendio en permanente medra, en devandito catálogo recóllense figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven o seu día a día en galego, así coma a súa traxectoria profesional.

Así, o obxectivo deste catálogo é visibilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.

Xunto ao catálogo, Alingua tamén presenta unha guía didáctica e a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.

A guía dixital, que pode descargarse a través desta ligazón, recolle máis de corenta figuras clasificadas en doce grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

De Tanxugueiras a Touriñán

Entre os referentes, Alingua destaca a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos.

Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.

O Catálogo de referentes tamén inclúe a personalidades da ciencia como Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro; do deporte Sechu López e Rocío García Eiras; da gastronomía como Lucía Freitas e Javi Olleros e da comunicación como Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez.

Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías como Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Boló; e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra.

Guía didáctica para o alumnado

Xunto ao Catálogo de referentes, Alingua lanza a guía didáctica É túa. Pásaa!, que inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes.

Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.

Presentación do Catálogo de referentes

Presentación do Catálogo de referentes / Concello de Santiago

Ademais da guía, Alingua enviará aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Na presentación desta iniciativa participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Xunto a Compostela, Alingua está conformada porlos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Teo e Vilagarcía da Arousa. A Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade como integrante amiga.