Entrevista | Alfredo Conde Exconselleiro de Cultura e escritor

“O sambenito de traidor ao PSOE é algo que levo cargando ata o día de hoxe”

O escritor e exconselleiro de Cultura, Alfredo Conde

O escritor e exconselleiro de Cultura, Alfredo Conde / jesús prieto

Malia que pase o tempo, a pluma de Alfredo Conde [Allariz, 1945] permanece incombustible e segue tendo algo que contar. O que fora conselleiro de Cultura do tripartito de Fernando González Laxe e Premio Nacional de Literatura confesa que atende a chamada de EL CORREO “canso”, despois de manterse esperto ata as catro da mañá escribindo. Con case 79 anos cumpridos, o alaricano vén de publicar A conto do político, un relato da súa vida política que non repara en tildar de “polémica” e que pecha, así, a triloxía de Memorias selectivas, xunto con En canto a Fraga e A conto do literario. O libro preséntase hoxe no Centro Internacional de Prensa de Galicia, en Santiago, ás 19.30 horas.

Presenta A conto do político, onde narra o seu “tránsito accidentado” pola política galega. É unha obra en defensa propia?

Sen dúbida. Aínda que, a estas alturas, non teña necesidade de defender nada. Sei que sempre fun unha persoa ligada á controversia, no político, no literario e ata nos matrimonios, que casei tres veces. Quero pensar que, en certa maneira, este libro está escrito para os meus fillos e netos, para demostrar que son quen de manter tódalas cousas que lles contei en privado acerca da miña vida política e non pensen que me invento as cousas. Este libro non está pensado para ser un testamento moral, pero si para deixar os feitos sobre o papel.

Vostede mesmo fala de accidental navegación política. Cales son, ao seu xuízo, as actuacións políticas que levan a unha parte da sociedade a xulgalo con dureza?

Están todas plasmadas no libro. Unha das primeiras que mellor lembro é cando lle fixen unha entrevista a Fidel Castro. Dende o espectro da dereita, reprochábanme e afirmaban que o chamaba mi comandante. Algo rotundamente falso porque non me referín a el así na miña vida. Cando viaxei con Fraga a Cuba, no ano 89, fixéronme o mesmo, pero dende o meu propio bando, o cal resultou moi doloroso.

En referencia a iso, Alfonso Guerra acuñou no seu día unha frase que pasou para a posteridade: “Que fai un intelectual de esquerdas de maleteiro de Fraga?”, facendo referencia a unha viaxe a Cuba que realizaron xuntos...

Aquela frase abriu a catro columnas a portada de El País. Alfonso xa sabía que ía realizar aquela viaxe a Cuba. De feito, foi el quen me pediu que fora para facerlle a entrevista a Castro. Insistiume e argumentoume que había razóns de Estado para esa entrevista, como a visita de Fraga. Daquela, o obxectivo era que a situación de Cuba non tivera un desenlace sanguento, coma Romanía nesa época.

Chamouno Guerra naquel momento para pedirlle explicacións?

Non, chameino eu en canto aterrei na Habana!

E que lle dixo?

Xuroume e perxuroume que non fora el, e tiña razón. Foi un militante do PSOE que o dixo a instancias de Alfonso e alguén llo filtrou á prensa. Eu pedinlle que o desmentise publicamente, pero non o quixo facer para non prexudicar o partido. Convertéronme no gran traidor da esquerda. Foi un sambenito que aínda cargo hoxe.

Mantén algún contacto con Guerra?

Non, ningún.

A que foi debido o seu nomeamento para a CRTVG por parte de Manuel Fraga tendo un pasado socialista?

Quíxome meter no Consello da CRTVG en dúas ocasións, e non quixen. Despois do lío de Cuba, Fraga fixo un achegamento cara min a través do médico e escritor Agustín Sixto Seco, que concertou unha cea. Entrei ao Consello cunha condición: ter a liberdade de dicir e escribir o que quixera, e así foi. Durei catro lexislaturas.

Eran usuais eses achegamentos por parte do presidente Fraga?

Non era nada insólito. Nese tempo, todos os dirixentes do galeguismo, como Beiras, Camilo Nogueira e moitos máis, reuníanse asiduamente con el. Fraga buscaba o apoio do galeguismo para aquela primeira lexislatura, que foi chave no autogoberno galego, por moito que algúns traten de negalo. O que era daquela director da editorial Galaxia, Ramón Piñeiro, chegou a pedirnos que amparásemos ao seu goberno en certas medidas.

Cre que ese nomeamento alimentou o estigma de traición ao PSOE?

Se che digo a verdade, penso que non. Xa pasara moito tempo do de Cuba, que foi o que verdadeiramente me prexudicou.

A súa traxectoria política no primeiro nivel de Galicia produciuse da man do PSOE. Cando deixou de ser conselleiro de Cultura, tamén deixou de serlle leal ás siglas do puño e a rosa?

Cando me pasei ao grupo mixto, sempre votei a favor das propostas do PSOE. Pero non poden pretender que votara en contra de cousas como a ampliación a 14 millas náuticas de fronteira das costas galegas ou da Administración Única, que é algo que o galeguismo defendeu sempre. Eu son galeguista e despois son o que me dea a gana.

Pensa que ese foi un gran erro do PSdG?

Pois si. Aínda que fora votar a prol de Fraga, nunca entendín o rexeitamento que fixo a esquerda desas competencias. Creo que desbaratou a opción de que Galicia tivera un Partido Socialista forte, coma o caso catalán. Dito isto, o PSOE permitiume dúas das maiores satisfaccións que tiven na vida: ver o nacemento do Parlamento galego e formar parte do Goberno do meu país.

Bota de menos aquela época.

Pois si, pero non porque eu participara. Naquel momento, os deputados rendíanlle contas ao electorado. Nos tempos que corren, só responden ao aparato dos partidos.

Pechada a súa anterior etapa literaria con En canto a Fraga. Cre que logrou cambiar a interpretación da súa biografía política na sociedade?

En xeral, foi un libro afortunado e axudou, algo que non esperaba. Produciu algo de respeto en ámbolos dous lados e penso que foi porque, realmente, é un libro ecuánime.

Que quedaba por contar da súa traxectoria política que vaia máis aló da súa ruptura con Fraga tras un período de convivencia harmónica con el?

Ese libro explicaba a miña peculiar relación e interpretación da súa figura, este tenta abranguer a miña traxectoria como algo máis global. Pero aínda me quedan cousas no tinteiro, non podo cantar todo de golpe coma un canario.

Ten relación cos socialistas galegos a día de hoxe?

Teño relación con amigos meus que militan no PSOE na actualidade, pero xa non manteño ningún vínculo co partido.

E cos populares?

Tamén teño amigos dentro das súas filas, como é o caso de Pedro Puy Fraga, que presenta o libro comigo. En canto á organización como tal, non teño relación.

A conto do político simboliza o final dunha triloxía?

Penso que si. Tiña a idea de escribir outro libro sobre as miñas historias familiares e persoais, pero agora ando liado cunha novela e, coa idade que teño, igual non me dá tempo.

Hai que ser optimistas.

Déixate de coñas.