Protesta estudantil no IES Lamas de Abade: “Non temos acceso aos baños durante o mediodía”

Os alumnos do centro educativo convocaron onte un paro dende as 12,00 ata as 14,00 horas

Estudantes concentrados diante do IES Lamas de Abade

Estudantes concentrados diante do IES Lamas de Abade / CEDIDA

Gabriel Fernández Blach

A organización estudantil Erguer, Estudantes da Galiza convocou este mércores unha folga no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela.

Os alumnos e alumnas de educación secundaria e formación profesional do centro estaban chamados a realizar un paro que abranguía desde as 12,00 horas ata as 14,00 horas. Ademais, as 12,15 horas realizouse unha concentración diante do instituto para “protestar ante unha serie de problemáticas urxentes”, afirman dende a Erguer.

Os alumnos demandan solucións a varias reivindicacións como o horario da apertura dos aseos do centro: “Non temos acceso aos baños durante o mediodía”, denuncia Lucas Pardo, responsable de Erguer Compostela. Ademais, dende o colectivo de estudantes reclaman que a conexión de internet non chega á totalidade do edificio.

Por outra parte, tamén poñen a atención na limpeza dos aseos, xa que segundo afirman “non é adecuada para o uso destes”. Ademais, quéixanse dos horarios do transporte urbano porque “á saída das clases teñen que andar 15 minutos ata parada máis próxima con servizo”.

Tamén destacan que “hai obras necesarias nas instalacións pendentes de execución”. Os representantes dos alumnos cren que “a dirección do centro está a ser un obstáculo” e que “non queren escoitar as súas queixas”.

En relación coas cifras da folga cualifícana como “un éxito”, chegando a reunir “o 100% de alumnos dalgúns dos ciclos formativos”. Segundo a organización estudantil, houbo máis de 75 participantes.

A dirección do instituto, a través da súa xefa de estudos, Carmen Muruais, afirmou que “se reuniron unha vez cos representantes dos estudantes para escoitar as queixas”, pero os problemas que se presentan non son competencia do centro, “non podemos facer nada, está errada a dirección da protesta”, cre a xefa de estudos.

O equipo de dirección destaca que as reivindicacións que se expoñen son “competencia da Xunta ou do Concello de Santiago” e que “eles non poden facer nada sobre iso”. Tamén, Muruais facía un chamamento á “responsabilidade no uso das instalacións e non dificultar o traballo do equipo de limpeza”. No relativo ás obras pendentes de execución iso “depende da Unidade Técnica da Xunta”, destacou Muruais.