Varias dependencias do Concello quedan sen luz por non abonar as facturas

PSOE e BNG acúsanse da responsabilidade do impago

O corte afectou a instalacións públicas do Castiñeiriño e de Marrrozos

O campo do Club Atlético Fátima foi unha das instalacións locais que sufriron cortes de luz / club fátima

O campo do Club Atlético Fátima foi unha das instalacións locais que sufriron cortes de luz / club fátima / Club Atlético Fátima

No serán do pasado xoves o Centro Sociocultural (CSC) de Marrozos e dúas instalacións deportivas do barrio do Castiñeiriño sufriron cortes de luz que impediron o normal desenvolvemento das súas actividades. O campo de fútbol no que adestra o Club Atlético Fátima foi un dos afectados pola interrupción do subministro eléctricico e a entidade non tardou eu compartilo nas súas redes sociais explicando que máis dun cento de crianzas tiveran que quedar sen adestramento. 

Preguntada sobre esta cuestión, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín explicou onte que o corte se debera a “unhas facturas impagadas” pero asegurou que o problema estaba resolto, “que todo mundo estea tranquilo que os cortes non se van volver producir”. Segundo Sanmartín, o impago derivou “dun problema na prórroga do contrato da luz, asinado en xaneiro de 2023”, en referencia a que o goberno naquela altura estaba en mans do PSOE. “Non se dotou de inicio con recursos económicos suficientes, con todo o diñeiro que era necesario, e iso atrasou algunhas facturas pero xa está resolto”, explicou a alcaldesa.

Unhas razóns que tiveron resposta por parte dos socialistas de Santiago. A edil Marta Abal, encarga de asuntos económicos no Grupo socialista denunciou que o apagón, nas instalacións do Castiñeiriño e Marrozos, “pode deberse a que non saben impulsar a xestión do Concello”, en referencia ao Goberno actual. “A alcaldesa está convertendo en costume o de apropiarse dos logros do pasado goberno e culpalo dos erros que cometen”, denunciou Marta Abal, “xa é hora de que asuman que son goberno e de que fagan fronte á xestión diaria do Concello”. 

A socialista non deixou pasar a ocasión de aclarar que “a prórroga do contrato de alumeado en instalacións municipais foi feita en xaneiro do ano pasado, fiscalizada de conformidade co interventor e aprobada en xunta de goberno”. Abal asegurou que “por suposto, esa prórroga dotouse de crédito adecuado e suficiente para todo o ano 2023 e eses documentos son públicos e comprobables”.

Para os socialistas, en palabras da edil Abal, o problema do Goberno bipartido é de “falta de liderado, falta de control e desinterese na xestión diaria”. Por todo isto, a socialista demandoulle ao equipo de Goretti Sanmartín “que deixen de buscar a quen botar as culpas e empecen a gobernar, porque os fallos de xestión do actual goberno non serán tamén nosos, supoño”, recalcou.