A conexión dos ‘finis terrae’ atlánticos a través do solpor

A USC coordina un proxecto para integrar os ocasos europeos no trazado dun modelo turístico alternativo e sustentable

O equipo responsable do proxecto Atlantic Sunset, onte na Facultade de Xeografía e Historia

O equipo responsable do proxecto Atlantic Sunset, onte na Facultade de Xeografía e Historia / Jesús Prieto

A USC celebrou onte a xuntanza de arranque dun proxecto internacional para a posta en valor no ámbito turístico e patrimonial das conexións a través do solpor entre os puntos máis occidentais do continente europeo, os coñecidos como finis terrae –aqueles lugares que foron considerados na antigüidade por algunhas culturas como a fin do mundo–. A iniciativa Atlantic Sunset deu deste xeito os seus primeiros pasos co obxectivo de aproveitar a beleza que emana dos atardeceres atlánticos, ao tempo que trata de identificar e poñer en valor os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial.

O catedrático de Física Aplicada da USC, Jorge Mira, –que coordina Atlantic Sunset xunto aos profesores Rubén Lois e Ángel Miramontes– explica que esta iniciativa xa tivo desenvolvemento en Galicia a través da campaña Alén do Solpor e agora “o traballo que se vai facer é poñer en valor todo isto. O éxito que tivo en Galicia, xa é unha especie de exemplo para que o resto de puntos acaben incorporando esa mesma maneira de facer”. O catedrático engade que “en Galicia foi onde máis se traballou, porque isto partiu dunha idea que fomos desenvolvendo e agora tentamos internacionalizala”.

O proxecto, a cargo dun equipo integrado por físicos e xeógrafos, parte dun estudo científico que Jorge Mira realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Deste xeito, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de Atlantic Sunset vincularase a investigación sobre as últimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués.

“O obxectivo último e o punto final será que todo ese espazo que vai desde o Cabo Norte ao cabo de San Vicente, que é o lugar máis ao sur, pasando por puntos de Noruega, de Irlanda, de Inglaterra, de Francia e os galegos, fagan unha especie de rede de conexión desas zonas que teñen moitas cousas en común. Esa rede vai facer que todo o conxunto adquira un peso mundial. Hai que ver como facelo e como desenvolvelo, como crear esa sinerxia entre todos eses puntos para que acabe sendo unha potencia importante como paquete turístico, e incluso como paquete identitario que recoñeza esa rede de finis terraes que hai en Europa e que tiveron tanto simbolismo”, apunta Mira.

Pola súa banda, o catedrático de Xeografía Rubén Lois, afondou en que “sempre insistimos na idea de que as fisterras atlánticas tiñan que formar unha rede como un produto turístico conxunto, é como un espazo, como unhas paisaxes singularizadas que teñen un valor patrimonial”.

Lois considerou que Atlantic Sunset ten “dous valores fundamentais”. No proxecto, liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e coordinado polo profesorado da USC, “foi a primeira vez que nos puxemos a falar nunha linguaxe bastante semellante os físicos e os xeógrafos da universidade. Moitas veces, as ciencias experimentais e as ciencias sociais falan de cousas moi semellantes e intentan facer cousas que se poden complementar moi ben”, indicou. Asemade, incidiu na importancia de “facer unha rede o máis sustentable posible para que se cree unha federación e unha certa comunidade entre as poboacións deses lugares e entre as universidades e os investigadores”.

Próximos pasos

Tras subir este chanzo inicial, para o desenvolvemento de Atlantic Sunset levaranse a cabo diversas actividades enfocadas a identificar algúns dos mellores lugares para ver atardeceres, realizaranse estudos en colaboración con comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e trazarase un plan turístico, segundo explica a USC. Así, o proxecto poñerá en valor a costa atlántica de Europa Occidental como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, considerando a complementariedade temporal e espacial, así como a inclusión e innovación sociais. Para estas acccións, os impulsores contan con máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027.

Mira destaca que “vai ser unha cousa moi bonita”, algo que ve palpable “cando un vai a zonas de costa e ve o extasiado que queda todo o mundo mirando o sol”. “Iso define e cicela a personalidade das diferentes zonas xeográficas que teñen ese espazo en común”, remarca.

“Moita xente era escéptica, pero hoxe en día é un feito incontestable que é unha marca de identidade do territorio, é un atractivo que se explota e que se presenta en todas partes como unha marca da zona e tira moitísimo da xente”, conclúe o catedrático.