Cultura, o Arcebispado e a RAG lembran a primeira liturxia en galego e traballan “para avanzar”

Seis paneis gaban o fito no claustro pequeno do mosteiro de San Martiño Pinario

“As misas en galego nunca chegaron a un 10 %”

García, Prieto, Freixanes e Gómez, ante os paneis da mostra ‘55 anos da liturxia en galego’ / JESÚS PRIETO

García, Prieto, Freixanes e Gómez, ante os paneis da mostra ‘55 anos da liturxia en galego’ / JESÚS PRIETO / XABIER SANMARTÍN

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no Mosteiro de San Martiño Pinario na apertura da exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024), impulsada pola editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación (do grupo editorial Galaxia) co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e do Arcebispado de Santiago. Ámbalas dúas entidades, o mesmo que a Real Academia Galega (RAG), representada no acto de apertura polo seu presidente, Víctor F. Freixanes, salientaron o seu traballo colaborativo a prol do avance do galego na comunidade da igrexa.

“Temos que facer entre todos unha lingua viva. hai que facer pedagoxía paciente, non resignada”, indicou Francisco Xosé Prieto, arcebispo de Santiago, engadindo que “nunhas semanas sae a edición do misal en galego actualizado, que tamén vai estar dixitalizado”, dixo pechando un acto con medio centear de persoas presentes logo dunha rolda de intervencións onde Valentín García gabou o traballo “dunha mostra que recolle unha parte da nosa historia lingüística recente á que non adoitamos prestarlle atención, a pesar de que ten claras repercusións na actualidade. Se queremos que o galego se empregue en todos os ámbitos da vida, hai que ser consciente dos avances e dos retos que se lle presentan tamén en espazos como o da liturxia ou, en xeral, a relixión, coa que mesmo as persoas non crentes teñen contacto en enterros, festas patronais etc. e esta exposición é un camiño para coñecelos”, abundou o representante da Xunta.

Tamén participaron Silvestre Gómez, comisario da exposición (máis Francisco Domínguez, lembrado por varios presentes con agarimo xa que ten agora mesmo unha saúde delicada) e Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, quen, pola súa banda, falou do esforzo e da semente de “Xaime Isla Couto, monseñor Cerviño, monseñor Araúxo Iglesias e o padre Seixas” cara a facer misas en galego en tempos do século pasado.

Esta mostra composta por seis paneis, recolle o percorrido do galego na liturxia desde hai 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II (convocado polo papa Juan XXIII) ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia o 7 de xaneiro de 1969. Silvestre Gómez, facendo balance, comentou que “endexamais as misas en galego chegaron ata un 10 %” e que “en máis do 90 % das parroquias nunca tiveron misas en galego de xeito continuado”.

Estes seis paneis no claustro pequeno do mosteiro de San Martiño Pinario, unha proposta con coordinación de Xesús Domínguez Dono, estarán dispoñibles ata o 29 de febreiro. Varios convidados na presentación falaron da parte “fundamental” que nos avances da liturxia en galego tiveron tamén as primeiras traducións dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que a Xunta volve editar a día de hoxe en colaboración con SEPT para levar a lingua ata máis parroquias galegas.