Entrevista | Marina Arias Musicóloga, realiza unha tese sobre a historia do reguetón en España

“Non temos ferramentas para combater o machismo e o reguetón é o chivo expiatorio”

A musicóloga participa este mércores na conferencia Reguetón e latinidade en España, na Fundación Eugenio Granell

Realiza a súa tese de doutoramento sobre a historia do reguetón en España na Universidade Complutense de Madrid

A musicóloga Marina Arias

A musicóloga Marina Arias / Cedida

Marina Arias Salvado (A Coruña, 1996) é graduada en Musicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, onde na actualidade realiza a súa tese de doutoramento sobre a historia do reguetón en España. Este mércores 24 de xaneiro participa na conferencia Reguetón e latinidade en España, na Fundación Eugenio Granell ás 19.00 horas no marco dos Encontros Americanos na Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC.

Pregunta: En que consiste a conferencia na que participa?

Resposta: Imos falar de como o reguetón se constrúe como música latina porque na orixe do xénero non está a idea de latinidade, senón que vén dada máis tarde. Tamén falaremos da historia do xénero, de ver como se configura xa co éxito comercial de principios dos 2000 como un xénero latino, como adopta esta etiqueta e como iso logo afecta cando chega a España. Isto ten un dobre efecto. Por un lado, en España xa hai moita presenza de migración latinoamericana e ademais, preséntanse nos medios de comunicación como os principais consumidores e como produtores. Entón, trátase de estudar esa dobre faceta de consumidores e de produtores dende os dous mil ata a actualidade e como iso vai cambiando. E, ao mesmo tempo, como dentro da etiqueta de música latina, que é moi ampla realmente, tamén se inclúe a música española.

P: Como se define esa etiqueta?

R: A etiqueta de música latina configúrase desde os Estados Unidos a partir dos anos 80 e o que sucede é que se configura a nivel lingüístico. A música latina defínese, por exemplo, dende os Grammy Latinos como música cantada en español, en portugués, ou noutras linguas de Iberoamérica, pero iso habería que velo. Se lembramos a polémica que houbo sobre se Rosalía era latina ou non, tratamos de reflexionar sobre que esa polémica se produza. A idea da latinidade percíbese de maneira distinta en España a como se fai desde América Latina ou desde Estados Unidos. É todo moi complexo e paréceme interesante falar disto.

P: Por que se decantou por este tema para a súa tese?

R: Creo que é unha cousa propia da miña xeración. Ao mesmo tempo pareceume moi interesante porque é unha música moi coñecida, unha das músicas máis escoitadas, pero logo realmente descoñécese a parte máis profunda, como de onde vén ou como entrou en España. Parecíame interesante porque é unha música moi masiva e hai moitos axentes sociais que interveñen na súa significación.

P: Cal cre que son as razóns para que triunfara o reguetón en España?

R: Hai varios factores, pero paréceme interesante a idea das plataformas de streaming, do tipo de consumo musical que hai a partir de comezos dos 2000. O reguetón funciona moi ben a través do single e o que sucede coas plataformas é que benefician moito a escoita a tráves de singles. Se estamos escoitando todo continuamente a tráves de listas de reproducción que se compoñen de distintos singles, un xénero que funcione ben dentro dese tipo de consumo, vai ter éxito. Tamén está ligado a que hai dúas ondas do reguetón en España e hai cuestións de memoria e nostalxia entre as diferentes xeracións que fan máis forte esa conexión.

P: O reguetón ten moitos seguidores pero tamén existen moitos prexuízos sobre el. De onde cre que proceden?

R: Estudeino recentemente e cheguei á conclusión de que, por exemplo, o machismo considérase un problema na nosa sociedade, pero como non temos todas as ferramentas para combatelo, poñemos unha especie de chivo expiatorio. Neste caso foi o reguetón, pero podería ter sido outra manifestación cultural. Apuntouse a este xénero musical, en moitos casos con letras descontextualizadas, ou incluso con letras que non son de cancións de reguetón.

P: No reguetón hai espazo para a política ou o feminismo?

R: Si, falouse moito do grupo Tremenda Jauría, por exemplo, que facían reguetón feminista e as letras son moi explícitas nese sentido. Ademais, desde os inicios foi unha música con moito compoñente de reivindicación a nivel social ou racial, trataba ser unha música racializada, asociada ás comunidades afroportorriqueñas e afropanameñas. Tiña moita conexión con esa típica reivindicación que quizais se asocia máis, por exemplo ao hip hop. Pensamos tamén nas protestas que tiveron lugar recentemente en Porto Rico contra o gobernador, polo tanto, hai comunidades que o utilizan para poñer sobre a mesa as súas reivindicacións sociais.

P: Pódense aprezar xa diferentes etapas da súa evolución ao estilo doutros xéneros máis antigos?

R: Si, se temos en conta que o reguetón se define como tal nos anos 90, temos xa tres décadas deste tipo de música. Pasa de ser unha música coñecida como underground, como esa parte máis contracultural a ser moi comercial nos anos 2000 con referentes como Daddy Yankee ou Don Omar, que todos coñecemos. E logo chegan as novas xeracións e un desenvolvemento noutros contextos nacionais ou locais. Temos o caso colombiano de mediados dos 2010 con J Balvin, Maluma, agora mesmo Karol G... En Porto Rico, por suposto, seguen a facer reguetón e, agora temos a onda de música urbana tan potente que vén dende Arxentina. O bonito é como nos distintos contextos nacionais se vai apropiando e se vai mesturando con músicas máis locais e como, desa maneira, vaise innovando tamén.

P: O seguinte paso é converterse nun fenómeno de masas tamén noutros idiomas, como o inglés?

R: A cuestión do idioma é moi importante para definir o xénero en si. En inglés xa existe o dancehall, que ao final é como un dos pais do reguetón. E logo, por exemplo, é moi interesante como na industria do K-pop se están a utilizar os ritmos de reguetón e certos estereotipos do latino para dar unhas imaxes máis latinas dentro dalgúns grupos deste estilo.