Santiago

O Consorcio de Santiago convoca axudas para a redacción técnica de proxectos de rehabilitación de monumentos

Poderán beneficiarse inmobles da cidade histórica e de Conxo

A entidade espera unha ampla demanda entre os titulares dos edificios

O Pazo de Fonseca é un dos edificios que poderían beneficiarse

O Pazo de Fonseca é un dos edificios que poderían beneficiarse / Jesús Prieto

O Consorcio de Santiago vén de publicar unha convocatoria para a redacción técnica de proxectos de mantemento e rehabilitación dos edificios monumentais da cidade histórica. Trátase dunha subvención en especie coa que se cubrirán honorarios de redacción da documentación, proxecto técnico, dirección de obra e redacción do plan de mantemento. Os inmobles que poderán beneficiarse do programa son aqueles considerados de valor excepcional, arquitectónico, histórico-artístico e cultural, e de características singulares.

Segundo explica a xerente do Consorcio, Belén Hernández, a iniciativa xorde ao detectar que “por unha banda, non tiñamos capacidade inversora para poder acometer as obras que demandan moitos dos monumentos que temos e, por outra, vemos que temos capacidade para facer os proxectos”. Desta maneira, a entidade encargarase de redactar os documentos e poñelos a disposición dos propietarios, os usuarios ou os usufrutuarios dos monumentos para que con esa documentación técnica poidan contratar as obras ou os coidados que o edificio precisa, ben concorrendo a outras axudas, ou ben con recursos propios.

Segundo sinala o Consorcio, os monumentos que poderán acollerse a estas axudas deberán localizarse no ámbito da cidade histórica incluído na listaxe de patrimonio mundial da Unesco desde 1985, correspondéndose co do Plan Especial de Protección e Rehabilitación desta zona, PE1-1, e co ámbito do Conxunto de Conxo, PE-1R. Ademais de pertencer aos niveis de catalogación establecidos na convocatoria, os edificios deben estar destinados, como mínimo por dez anos a uns usos determinados tamén nas bases.

Ampla demanda

No relativo á demanda que pode existir desta subvención en especie, Hernández explica que “contamos que haxa moitas solicitudes porque moita xente viña falar connosco e hai moitos edificios que xa temos bastante diagnosticados. A idea é que concorran aqueles que estean en peor estado ou que teñan máis dificultades para atopar fondos para facer estes proxectos, que ao final son proxectos que levan tempo, son caros e hai que ter un coñecemento profundo do monumento”.

A xerente do Consorcio considera que “ter un monumento destes ao final é unha responsabilidade e moitos usuarios non teñen recursos para acometer as obras”. Así, Hernández entende que estas axudas son “como un primeiro paso” para que os responsables dos edificios poidan ter acceso á posibilidade de rehabilitalos. “Nós temos capacidade técnica, coñecemos os edificios e temos capacidade de axudar. Logo saen as convocatorias do Estado ou da Xunta e o primeiro que piden é o proxecto e claro, a xente vese cun mes de prazo para elaborar unha documentación inxente”, reflexiona. “Con isto, tentamos que a cidade se dote deses documentos para telos a man e, nun momento dado, podelos presentar á convocatoria, ou incluso se chegan recursos propios adicionais, que teñan a documentación para acometelos o máis rapidamente posible”, conclúe a xerente.

O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. As solicitudes poderanse enviar telemáticamente a través sede electrónica do Consorcio ou no rexistro e a entidade atenderá dúbidas de xeito presencial ou por teléfono. Unha vez publicada a resolución da concesión da axuda, o prazo de execución da dirección da obra será de catro anos.