Máis do 60 % dos españois non saben como reducir o impacto do radon

Galicia é a comunidade onde hai unha maior percepción do risco deste gas, segundo un estudo liderado desde Xornalismo da USC 

Un operario realizando unha medición de gas radon nun terreo

Un operario realizando unha medición de gas radon nun terreo

K.M.

A catedrática de Xornalismo Berta García Orosa, investigadora do Grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, encabeza unha investigación financiada polo Consello de Seguridade Nuclear que busca coñecer a percepción do risco do radon como base para unha comunicación eficaz, da que se desprende que máis do 60 % dos españois non coñecen as medidas para reducir a súa incidencia.

Realizáronse 1.985 entrevistas en España a persoas de 18 anos ou máis, e complementouse con respostas adicionais nas zonas máis afectadas: Galicia, Estremadura e Madrid.

“O radon é a segunda causa de morte por cancro de pulmón entre persoas fumadoras e a primeira entre non fumadoras. Con todo, os seus riscos son escasamente coñecidos e os esforzos de comunicación de risco non demostraron a eficacia esperada”, din no equipo investigador.

Pese a que os enquistados manifestan un interese medio-alto por estar informados do que ocorre na súa contorna e no mundo (5,42 sobre 7), a cidadanía que di recibir información sobre radon a través dos medios sitúase no 31,2%. Os resultados da investigación alertan de que a poboación adoptou medidas escasas para protexerse deste gas: só o 45,6% o fixo. A máis común é mellorar a ventilación do edificio (29,9), seguida do aumento de ventilación do forxado (21,7), evitar que se filtre o gas dende o soto (15,6), selar pisos e paredes (13,0) e instalar un sistema de evacuación mecánica do radon no soto ou baixo os pisos sólidos (10,5%).

“Os datos son aínda máis rechamantes porque a poboación española ten un coñecemento moderado sobre este gas”, matizan dende o proxecto. Saben que é un gas (83,4%), que é invisible a primeira ollada (67,4) e inodoro (42,9); que pode atoparse no chan (54,4) e na auga (24,5), pero non ao aire libre (33,8). Con todo, respecto a ás medidas para reducir os seus efectos, o descoñecemento é maior, pois o 75,4% cre que se pode baixar evitando vivir preto de fábricas contaminantes, mentres que as medidas efectivas son coñecidas por menos da metade da poboación.

O coñecemento nas comunidades con alta incidencia é maior. O 77% dos participantes nas máis afectadas recoñece o radon como carcinóxeno, mentres que no resto só o 68,8%. “Os homes manifestan maior nivel de coñecemento sobre o radon, do mesmo xeito que a cidadanía con maior nivel formativo”, explican.

En termos de percepción social do risco, é maior nas rexións de maior incidencia, co máximo en Galicia, a máis afectada.

A poboación española está máis preocupada en xeral (4,68 sobre 7) que polo risco do radon (4,04), aínda que é maior en Galicia (4,58), Madrid (4,19) e Estremadura (4,09)