Fonseca acolle ata o 15 de marzo as pinturas de Luis Rodríguez Camarero

As súas obras, recollidas na mostra ‘O reino das árbores’, pretende transmitir “beleza, alegría, paz e tranquilidade

Fonseca acolle ata o 15 de marzo as pinturas de Luis Rodríguez Camarero

Jesús Prieto

Unha selección das obras de Luis Rodríguez Camarero están recollidas na mostra ‘O reino das árbores’ visible dende este xoves e ata o 15 de marzo no Claustro Alto de Fonseca.

Rodríguez Camarero, quen foi profesor da Facultade de Filosofía da USC, explicou na inauguración da exposición que nas súas obras pretende transmitir “beleza, alegría, paz e tranquilidade”. En canto á beleza, sinalou que “pinto o que amo, Galicia fundamentalmente” e lembrou que “a imaxinación prefire a orde á desorde”, polo que os elementos dos seus cadros “están harmonizados”. A alegría transmítea “con cores alegres e cálidas, e vai unida á beleza”, de xeito que cando visitamos paisaxes coma as da Ribeira Sacra ou as das illas Cíes “sentímonos ben, máis animados que antes, pois a alegría é o renacer da vida en todos nós”.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que acompañou no arranque da mostra ao pintor destacou que cos seus cadros traslada “serenidade”, así como “moita reflexión, moita filosofía”. A mostra, dixo, pretende ser “un recoñecemento da Universidade de Santiago a este traballo”.