Unha alumna da USC, terceira de España na proba do MIR: “Vou facer anestesia e quedar en Santiago”

Outros dous estudantes da universidade compostelá de Farmacia e Física logran ser os mellores nas súas especialidades

Todos eles agardan completar a súa formación ou desenvolver a súa profesión na capital galega

Rebeca Aldaz, número tres na proba do MIR

Rebeca Aldaz, número tres na proba do MIR / Cedida

Unha estudante de Medicina da USC, Rebeca Aldaz, foi a terceira de España nas probas de acceso á Formación Sanitaria Especializada, segundo os resultados dados a coñecer polo Ministerio de Sanidade. Ademais, outros dous alumnos da universidade compostelá acadaron o primeiro posto nas súas probas, Iria Sanjuán en Farmacia e Iago Facal en Física. Entre os dez primeiros tamén conseguiron situarse Saúl López en Física e Helena González en Química.

A número tres do MIR sinala en conversa con EL CORREO GALLEGO que agora a súa intención é facer a especialidade de anestesista e quedar en Galicia, probablemente en Santiago porque “fun moi feliz estes anos alí”. De orixe pamplonesa, Aldaz indica que “o que abarca a anestesia é que máis me gusta a min da medicina, porque é moi ampla, ten cousas de quirófano, de coidados intensivos, de tratamento da dor... É moi completa e o meu perfil encaixa máis como anestesista”. Ademais, vese desenvolvendo a súa carreira na capital galega no futuro. “Pode parecer un pouco cedo para decidir algo así, pero é algo no que penso”, sinala.

Resultado inesperado

A pesar dos nervios que viviu na proba e da “intensa” preparación da mesma durante varios meses, Aldaz agora amósase “moi feliz”. Un estado de ánimo que comparte Iria Sanjuán, que agardaba estar “entre os trinta primeiros” do FIR tras rematar o exame con boas sensacións, pero “non contaba con quedar de primeira”. Así, relata que “avisáronme da academia de que saíran os resultados, entrei na páxina do ministerio e quedeime en branco total. Estou nunha nube”.

Iria Sanjuán obtivo a mellor nota no FIR

Iria Sanjuán obtivo a mellor nota no FIR / Cedida

Durante os próximos catro anos, Sanjuán ten previsto facer a especialidade de Farmacia Hospitalaria en Vigo despois de realizar prácticas no mesmo eido en Ferrol, a súa localidade natal. “Se teño a oportunidade, despois querería quedarme en Galicia, sen dúbida”, asegura. A súa fase de preparación da proba tamén foi “curta, pero intensa. Son moitas horas ao día de estudo, é algo que podes manter uns meses, pero non máis tempo”, indica.

Pola súa banda, Iago Facal, tampouco agardaba ser o mellor na proba de Física. “A noticia pilloume por sorpresa totalmente. Estaba botándolle estes días un ollo á páxina e cando o vin tiven que mirar varias veces para asegurarme”. A partir de agora espéranlle tres anos en radiofísica, sendo Santiago a súa opción preferencial e coa vista posta no futuro centro de protonterapia como posibilidade de futuro. “Aí hai unha saída interesante”, remarca.

Iago Facal, número un do RFIR, onte na Facultade de Física

Iago Facal, número un do RFIR, onte na Facultade de Física / Jesús Prieto

Vocación

Algunhas profesións elíxense por vocación e noutros casos a motivación aparece de maneira inesperada. É o caso de Iago Facal, que explica que “inicialmente o meu plan era facer un doutoramento en física da materia, pero un familiar meu enfermou de cancro, e aí deime conta de quería tentar axudar, non a este familiar, pero si poñer o meu gran de area para que outras persoas poidan superar a enfermidade”.

Para Iria Sanjuán, a carreira de Farmacia foi unha elección clara porque lle gustaba a rama sanitaria, “pero non a nivel asistencial. Mirando as carreiras, pensei varias opcións, pero logo vin que Farmacia tiña moita saída e que podía ter a parte clínica de hospital, e por outra parte, o que me gustaba a min tamén da química”.

Rebeca Aldaz tivo que elixir entre dúas posibilidades das que estaba “namorada”. Fixo prácticas durante os últimos cursos do seu grao en Medicina de Familia e Anestesia, e acabou optando finalmente pola segunda.