Obras de reparación nos bolardos ‘intelixentes’ da zona vella, sen funcionar dende que se instalaron

Integrados no proxecto Smartiago, o seu obxectivo é reducir o paso de vehículos contaminantes

Obras de reparación dos bolardos en San Fiz de Solovio, onte / |  A. HERNÁNDEZ

Obras de reparación dos bolardos en San Fiz de Solovio, onte / | A. HERNÁNDEZ / A.T.

O Concello de Santiago acomete estes días obras de reparación nos bolardos de acceso ao casco histórico da cidade. Uns postes intelixentes que forman parte do programa Smartiago que, entre outros obxectivos, marca o de “reducir de forma drástica os desprazamentos de vehículos contaminantes na zona vella e previr danos no pavimento causados por coches de peso excesivo”. Pero aínda que a súa instalación se produciu en 2022, durante o goberno do socialista Xosé Sánchez Bugallo, aínda nunca entraron en funcionamento.

As obras que estes días se están a realizar na praza de San Fiz de Solovio consisten na reparación dos bolardos, segundo fontes do Goberno local, “os cables estaban danados por causa do roce cunhas pedras soltas”.

Logo de San Fiz de Solovio tamén se acometerán obras de reparación nos postes ubicados en San Francisco e na Porta Faxeira, e tamén na Porta da Pena, aínda que nesta última localización non se percibiu dano no cableado.

O proxecto Smartiago conta cun orzamentode 6.180.000 euros, dos que o 80% é financiado polos fondos europeos Feder de Desenvolvemento Rexional (4.944.000 euros). Pese ao elevado destas axudas, dende comezos de 2022, cando se instalaron os bolardos na zona vella, o sistema intelixente de lectura de matrículas e peso dos vehículos que acceden á améndoa da cidade non se puxeron en funcionamento. A causa desta situación era, segundo denunciou no seu momento Compostela Aberta, que non estaban “conectados coas bases de datos porque o sistema non é compatible co software xeral da Policía Local”.

Desde o Goberno local actual incidíase a finais de 2023 en que “neste mandato contratouse a subministración do conector multiplataforma que permitirá que ambos sistemas sexan compatibles”, e confiaban naquela altura en que “os bolardos empecen a funcionar correctamente antes de que remate o ano”. Algo que como toda a veciñanza coñece non aconteceu, incumpríndose de novo o prazo para a súa posta en marcha.

A comezos deste ano, o concelleiro de Economía, Manuel César, explicaba a EL CORREO GALLEGO que o bipartito estaba, en relación con este problema, “nunha fase de reflexión, porque son proxectos que nalgún caso puideron ser tratados con urxencia e agora é o momento de reflexionar que utilidade e que obxectivos queremos conseguir con eles”, afirmaba entón.

A cuestión, en calquera caso, radica en que se trata de fondos europeos e, polo tanto, hai un compromiso polo que os bolardos deben estar en funcionamento antes de que remate 2026. Superar este prazo implicaría o incumprimento do convenio pero dende Raxoi “non contemplamos ese escenario, a nosa idea é desenvolver esta segunda fase do Smartiago neste tempo que temos por diante”, aseguraba no mes de xaneiro Manuel César.

Parece que agora está máis preto a posta en marcha do proxecto Smartiago, que tamén contempla a incorporación de “hardware e software de post procesamento, cun sistema de intelixencia artificial baseado en algoritmos de deep learning -aprendizaxe automática-”, segundo recolle o proxecto. Un sistema que vai permitir cando se implemente “predecir as rutas de tráfico de mercadorías, e as de vehículos, no casco antigo e tamén incidirá na integración do control de tráfico, con paneis de mensaxes e ocupacións de aparcamentos”.