“A desinformación é un mal que non podemos eliminar de raíz, hai que artellar ferramentas para convivir”

O grupo de Novos Medios da USC participa nun proxecto europeo sobre verificación de feitos e pon o foco na alfabetización mediática

Alba Silva, Xosé López, Jorge Vázquez e José Sixto, profesores de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiagoimplicados na primeira fase do observatorio Iberifier (2021-2024)

Alba Silva, Xosé López, Jorge Vázquez e José Sixto, profesores de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiagoimplicados na primeira fase do observatorio Iberifier (2021-2024) / Reyes Abad

O grupo de investigación Novos Medios da USC acaba de elaborar un informe relacionado coas iniciativas de verificación que se dan en organizacións que son especificamente de fact-checking (verificación de feitos) ou noutros medios que emprenden este tipo de actividades. Ese informe constaba dunha radiografía de cales son esas organizacións e iniciativas e dunhas entrevistas que poideran permitir sacar unhas tendencias ao respecto. O traballo, no marco do proxecto europeo Iberifier que conta coa coordinación da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra e integra a máis de 70 investigadores dunha vintena de organizacións españolas e portuguesas foi realizado polos profesores Xosé López García, Alba Silva Rodríguez, José Sixto García, Carlos Toural e Jorge Vázquez Herrero.

Dentro deste tipo de proxectos organízanse unha serie de paquetes de traballo e cada un deles ten que sacar un resultado específico. Ademais, arredor diso trabállase noutros temas conectados. “Como os nosos intereses son o xornalismo e o que acontece nese ecosistema mediático elaboramos estudos relacionados coa confianza dos medios ou estudamos algún caso máis específico como foi o asasinato de Samuel Luiz, co fin de explorar o que sucede ao arredor, como se proliferaron unha serie de liñas desinformativas, ás veces intencionadas e outras veces non. Tratamos de explicar desde a nosa contorna local como iso nos afecta aos discursos que nos rodean”, apunta  en conversa con EL CORREO Jorge Vázquez. Tamén contribuíron noutro dos resultados que ten o proxecto, que é un mapa de medios dixitais a nivel España e Portugal. Na actualidade contén uns 5.000 medios e créase como unha ferramenta para a análise a raíz de proxectos que se veñen desenvolvendo no tempo tanto en Santiago como en Navarra.

Como un exemplo do realizado, no equipo de alfabetización o centro sumouse a uha actividade organizada por Newtral. Un grupo de 34 estudantes do grao en Xornalismo e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, acompañados por cinco docentes do centro, seguiron en directo os debates e verificaron declaracións dos representantes políticos galegos, logo de identificar as afirmacións factuais pronunciadas polas persoas candidatas.

 A Comisión acaba de anunciar a continuidade do consorcio durante outros tres anos, ata 2026, cun financiamento adicional de 1,27 millóns de euros. Indo aos inicios, no 2016 o profesor Xosé López xa iniciara o estudo da verificación. No ano 2018 e 2019 houbo varios estudos publicados respecto ao ecosistema da verificación, o tipo de entidades que estaban nacendo, as iniciativas que nacían nos medios, como se organizaban, etc. No 2020 comezouse co deseño do observatorio Iberifier, o cal recibiu financiamento da Comisión Europea ao ano seguinte. “É un tipo de financiamento competitivo e que neste caso depende do Observatorio Europeo de Medios, que coordinan os ‘hubs’ a modo de observatorios rexionais. A semana pasada celebraron a reunión final da primeira fase do observatorio, a cal contou con 1,5 millóns de euros.

“No encontro abordouse que estamos ante un problema complexo e non hai unha única solución. Os cambios que se foron dando na comunicación lévannos a que a desinformación sexa un mal propio que non podemos eliminar de raíz, polo que temos que artellar ferramentas que nos permitan convivir con iso como poidamos”, apunta. Ademais, para afrontar un problema relacionado con un fenómeno que ten que ver ca comunicación dixital requírese de interdisciplinariedade. De aí que no Observatorio haxa xornalistas, xente do ámbito da tecnoloxía e das ciencias da computación, persoas máis adicadas á alfabetización, análise estratéxica, etc. 

"É necesario reforzar o papel dos medios na sociedade, xa que foron o transmisor de información principal moito tempo, e agora coa comunicación dixital difumínase un pouco”

Jorge Vázquez

— Profesor de Ciencias da Comunicación da USC

A fortaleza do xornalismo, a alfabetización mediática e a tecnoloxía para combater a desinformación

En canto ás respostas que se buscan hai tres aspectos a ter en conta. Segundo sinala Vázquez un deles é a “fortaleza do xornalismo” como unha ferramenta para combater a desinformación, en relación coa confianza nos medios. “Unha das cousas que vemos por outros traballos que temos desenvolvido, de enquisas e de percepción da confianza é que os medios tradicionais (radio, medios impresos, televisión) contan cun niveis de valoración da súa confianza relativamente superior a outras iniciativas mediáticas que nacen hoxe en plataformas como as redes sociais”, di. A segunda peza é a alfabetización mediática e informacional. “Pénsase que formar á sociedade para que teña recursos propios para non deixarse enganar e ter unha mirada máis crítica e formada é un dos camiños que permite obter unha resposta antes no tempo contra o problema”, asegura. A terceira é a tecnoloxía, un concepto que “sempre aparece como un factor un pouco ameazante, pero ao mesmo tempo é unha aliada en todos estos sistemas de resposta á desinformación que permite acelerar os tempos de resposta e detectar patróns”.

Arredor disto tamén hai un factor importante que está tomando bastante forza e que o observatorio vai a potenciar a partir do 2024. Son as políticas que hai alrededor da regulación do que ás grandes plataformas se lles podes responsabilizar da circulación de contidos tratando de que “non alimenten os discursos desinformativos”.

En resume, dende o grupo de investigación de Novos Medios tratan de analizar e entender o estado do ecosistema dos medios e a necesidade de reforzar o seu papel na sociedade, “xa que foron o transmisor de información principal moito tempo e agora, por circunstancias de como é a comunicación dixital, difumínase un pouco”. Ademais desa visión especial no xornalismo está tamén o contexto local. “Sempre falamos da desinformación como un fenómeno global, pero tamén se traslada ás contornas máis próximas. Por iso nos interesou estudar o que aconteceu na conversa pública arredor do que foi o asesinato de Samuel Luiz”, conclúe.

O equipo xa publicou parte dos resultados do seu traballo na revista Journalism Practice, ademais de participar en congresos internacionais e incorporar contidos e actividades relacionadas co proxecto no plan de estudos do Grao en Xornalismo e do mestrado en Xornalismo e Comunicación Multimedia.