A falta de táboas de convalidación imposiblita a alumnos galegos trasladarse a Medicina da USC

Unha alumna da Universidade de Barcelona víase obrigada a falar con cada profesor // Dende a institución estúdase axilizar o proceso

Fachada da Facultade de Medicina da USC

Fachada da Facultade de Medicina da USC / Jesús Prieto

Estudantes galegos que iniciaron a carreira de Medicina noutras comunidades e logo queren continuala na USC rematan por non facelo para evitarse problemas de convalidacións académicas. Este é o caso dunha moza compostelana de quinto curso da Universidade Autónoma de Barcelona quen solicitou no pasado mes de xuño o traslado de expediente a través dunha solicitude web para a Universidade de Santiago. Para este curso 2023-2024 había 17 prazas e nun primeiro momento ela ocupaba o posto 11 (por créditos e méritos). O primero que percibe conforme avanza o proceso é que non existen táboas de convalidación. Esta fonte relata que ten que matricularse en primeiro curso e logo encargarse ela mesma de falar co profesorado para saber as asignaturas que lle convalidarán. Toma a decisión de matricularse na institución compostelá sen renunciar á praza en Barcelona, pero se chega a pagar o traslado perdería a praza. A cuestión é que dende a USC para continuar co proceso pídenlle que mostre o comprobante de que se da de baixa na outra. Ante todas as complexidades decide renunciar á praza. Ao tratarse de listaxes de caracter público, averigua ademais que había máis do dobre de alumnado ca prazas en lista de espera e que finalmente só se cubren sete prazas, os de expedientes máis baixos. 

Por estes feitos decide enviar unha carta ao reitor da USC, ao decano de Medicina, e incluso ao conselleiro de Sanidade e presidente da Xunta, non obtendo nun primeiro momento resposta por parte dos membros da universidade. Polo tanto, toma a decisión de acudir á Valedora do Pobo a quen lle presenta toda a documentación e finalmente recibe a súa notificación de que a USC recoñece o tema e asegura que o van a estudar nun futuro. 

A propósito deste caso a xerencia da institución compostelá, encargada da xestión académica, comezou a analizar o tema. “É unha situación complexa na que se xunta un problema procedemental e outro de táboas de convalidación. En España hai 50 facultades de Medicina con cincuenta plans de estudos diferentes. Temos poucas táboas e entendemos que as que debería haber terían que estar baseadas no principio de reciprocidade”, detallan dende a USC.

Con todo, o decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez Escudero, vai trasladar á Conferencia de Decanos de Medicina a necesidade de proceder a crear esas táboas con caracter global, comúns para todas as facultades, “para que cando alguén pida o traslado, un dereito do estudantado, saiba o que lle van a recoñecer”.

Dende a institución sinalan que estamos ante problema que se agravou co Plan Bolonia xa que “agora son as universidades as que deciden como son os plan de estudo e os contidos das materias e antes fixábaos o propio Ministerio”

A maiores, ante unha solicitude onde non hai táboas, a USC vai habilitar para o vindeiro curso os medios e procedementos necesarios para que se axilice o proceso de convalidación, “que non supere un prazo de quince días ou un mes”, e explorar a posibilidade de que o solicitante poida manter cautelarmente as dúas matrículas “a expensas de saber o que lle convalidan ou non”.

Aseguran que hai expedientes onde o alumno/a ante a incerteza de se vai recibir a convalidación de certas materias renuncia ao traslado. Situación que tamén sucede noutras facultades.