Optimismo en Raxoi co futuro parque comarcal de bombeiros que prevé sumar 20 efectivos

O servizo de emerxencias compostelán conta con 52 efectivos e estanse a reunir informes xurídicos que avalan a idea de sacar prazas a concurso // Cualifican de “avance considerable” a reunión con Xunta e Deputación

No centro, a alcaldesa Sanmartíne o edil Xan Duro, á esquerda os alcaldes de Vedra, Val do Dubra, Boqueixón e Teo e á dereita os de Ames e O Pino.

No centro, a alcaldesa Sanmartíne o edil Xan Duro, á esquerda os alcaldes de Vedra, Val do Dubra, Boqueixón e Teo e á dereita os de Ames e O Pino. / Ana Triñáns

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o edil de Mobilidade, Xan Duro, recibiron na mañá de onte os alcaldes da comarca para comunicárenlles o contido da xuntanza mantida este martes coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña para comezar a traballar na redacción do convenio de colaboración a partir do que crear o parque comarcal de bombeiros.

“Despois de meses de traballo, avanzamos de maneira considerable para que o parque comarcal de bombeiros sexa unha realidade despois de moitos anos de espera”, comentou a alcaldesa, amosando o optimismo das corporacións neste sentido. Sanmartín destacou a achega dun millón de euros, da Xunta de Galicia e da Deputación, para a realización das obras, así coma outro tanto diñeiro investido dende o Consorcio provincial de bombeiros para contratación de persoal. Para a rexedora Sanmartín, “hoxe -en referencia a onte- é un día para felicitármonos pero tamén para seguir traballando para que o convenio poida ser asinado canto antes”.

Sobre esta materia o edil de Mobilidade, Xan Duro, congratulouse de ter desbotado “dotar o servizo en base a horas extra” e destacou que o Concello de Santiago conta con informes xurídicos “que avalan a nosa idea de sacar prazas a concurso” e así aumentar o cadro de persoal, que conta actualmente con 52 efectivos. A este respecto Duro aclarou que o procedemento será por oposición, suxeito a uns prazos, “pero hai a posibilidade de ir cubrindo prazas con interinidades”.

Referíase Xan Duro nestes aspectos ao incremento do cadro de persoal -por oposición- en entre 15 e 20 membros novos, e na reposición dos postos que deixen vacantes os bombeiros que se van xubilar, que serán un total de 7 neste 2024. O edil de Mobilidade tamén apuntou que a intención do Concello é a de realizar incorporacións periódicas pero puntualizou que levar a cabo isto “supón ter fondos”. Ademais sinalou que “agora hai unha serie de xubilacións” indicando que se poderán cubrir nun proceso de oposición que permitirá a creación dunha lista de agarda sobre a que ir avanzando, pero a provisión de persoal “non vai ser de hoxe para mañá”, matizou.

Neste sentido Xan Duro indicou que se poderá iniciar o servizo con interinos, xa que o procedemento de oposición do corpo de bombeiros, inclúe tamén un período de formación antes de incorporarse ao seu posto de traballo. O concelleiro indicou tamén que dende a súa área se traballa agora no proceso butocrático para a sinatura do convenio e no procedemento técnico para coñecer as necesidades específicas de cada concello en materia de emerxencias, tendo en conta cuestións como as dimensións e características do polígonos industriais de cada municipio ou as industriais que traballan con materias potencialmente perigosas.

O parque de comarcal de bombeiros daralle servizo aos concellos de Santiago, Ames, Teo, Vedra, Boqueixón, Val do Dubra, Traza, O Pino e Brión, polo que á xuntanza de onte no Pazo de Raxoi asistiron o alcaldes e alcaldesas de cada localidade: Blas García (Ames), Lucía Calvo de la Uz (Teo), Carlos Martínez (Vedra), Ovidio Rodeiro (Boqueixón), Diego Díaz (Val do Dubra), Josefina Suárez (Trazo) e Manuel Taboada (O Pino). O alcalde de Brión, Pablo Lago, non puido acudir por motivos persoais.

Onde se situará o parque?

O proxecto do futuro parque, que o edil de Mobilidade definiu como “ambicioso”, dará servizo a unha área que conta con case 180.000 habitantes e abrangue unha zona de influencia de 900 km2.

Pese a que o Goberno local quere agora poñer o foco na elaboración da documentación técnica necesaria para a redacción e sinatura do convenio, un proxecto polo que Santiago e a comarca levan agardando máis de dúas décadas (24 anos) fai inevitable preguntarse cando poderá estar en marcha e tamén en que lugar se ubicará o edificio que acolla o parque comarcal.

O concelleiro Xan Duro insiste en que a prioridade é “poñer a funcionar o parque”, mentres non se asine o convenio -firma que se agarda que se concrete neste 2024-, o Concello de Santiago considera que é posible comezar a dar o servizo dende o actual parque compostelán, situado na zona de San Caetano.

Unha solución a curto prazo, como tamén detallou o propio edil, xa que a zona se verá proximamente afectada polas obras da Xunta de Galicia na creación do que se deu en chamar Cidade de San Caetano, na reformulación das instalacións da administración autonómica na capital galega.

A pesar disto, o Goberno local segue a considerar dar o servizo inicialmente dende o emprazamento actual e non quere definir se no medio prazo se retomará e reconstruirá a edificación orixinal situada en Salgueiriños -deteriorada pola abandono, logo de comerzarse a construír nos 2000 e quedar o proxecto parado- ou se se buscará algunha outra ubicación para o parque comarcal de bombeiros.

Os compromisos das partes

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, integrado por Xunta e Deputación- comprometeuse este martes na xuntanza co Concello de Santiago a manter os compromisos adquiridos en reunións anteriores, é dicir, cada institución -a autonómica e a provincial- achegará 1,5 millóns de euros que se destinarán a sufragar as obras do novo parque, o que supón 2 millóns da chega total de 3 millóns de euros, e un millón máis para o financiar o funcionamento anual do servizo comarcal. Pola súa parte, o Concello de Santiago asume o compromiso de encargase da contratación do persoal, así como da licitación do servizo e da contratación das obras para a construción do parque comarcal de bombeiros.

As espectativas dos profesionais

No pasado mes de agosto EL CORREO GALLEGO falou cos profesionais do servizo de bombeiros a propósito do estancamento na creación do parque comarcal que parece que agora desencalla. Naquela altura o persoal vivíao coma “unha polémica” que non conseguía chegar a bo porto, precisamente polo necesidade de que se puxeran de acordo as tres administracións (autonómica, provincial e local).

“É un tema do que se fala dende hai dúas décadas, toma a miña carreira profesional oín falar do parque comarlcal: xa o vemos coma algo que nunca chega, aínda que o día que chegue tomarémolo como algo bo, non coma un problema”, sinalaban daquela fontes sindicais do parque de bombeiros compostelán.

Agora por fin o parque está máis cerca, coa vantaxe de poder convocar oposicións para ampliar o persoal, evitando botar man das “horas extra”, ás que o Executivo local, non lle vía garantías.