O Comité de Aena mostra “apoio total” aos traballadores do aeroporto Rosalía de Castro

O desvío de rutas da terminal de Vigo elevou a carga de tarefas pero non se aumentou o persoal

Colas nos primeiros días de desvío de voos dende Vigo

Colas nos primeiros días de desvío de voos dende Vigo / Antonio Hernández

Redacción

O Comité de centro de Aena do sindicato UXT reuniuse este martes para valorar as consecuencias no aeroporto Rosalía de Castro do desvío de voos e pasaxeiros de Vigo mentres se realizan obras no seu aeroporto. Unha desviación que se prevé que dure até o 30 de maio e que deu no traslado a Compostela de 100.000 viaxeiros e afectou a máis de 1.200 voos. Unha situación que implica a sobrecarga de traballo dos operarios de Lavacolla sen que dende Aena se incrementase o cadro de persoal. Por todo isto, dende o comite trasládase o “total apoio aos traballadores” así como ás “mobilizacións de protesta se se convocan”, ao tempo que instan á empresa estatal a incrementar o cadro de persoal.

Dende o comité destácase que ademais desta elevada carga de traballo “moitas dependencias da nova terminal conta con menos persoal que a antiga, con só a metade de pasaxeiros”. A precariadade de persoal faise extensiva a outras empresas que traballan no aeroporto santiagués e non tampouco reforzaron os seus cadros e afecta tamén a servizos coma é o caso da enfermaría

Neste último caso pasouse dun equipo integrado por seis persoas que cubrían as 24 horas no Rosalía de Castro á situación actual, na que o servizo está composto por só catro sanitarios que se ven na obriga de deixar desatendidas algunhas marxes horarias. Segundo o Comité de Aena esta situación obriga a “chamar ao 061, coa perda de tempo e o gasto público que isto implica”, destacan.

Os representantes dos traballadores tamén poñen o foco na imaxe negativa que traslada esta situación, así como a afectación que ten “na experiencia dos viaxeiros”. Dende o comité destacan que estas incidencias por mor do traslado de pasaxeiros vigueses a Lavacolla se unen ao incremento de pasaxeiros que dende 2023 experimenta o aeródromo santiagués. “Ponse a proba a súa capacidade e a dos seus traballadores”, posto que o pasado mes de abril o tráfico aéreo aumentou un 10% respecto do mesmo mes do ano anterior, situándose en 342.000 viaxeiros, 30.862 máis que en 2023.

Previsións e beneficios de Aena

O comité especifica que a previsión é que neste mes se supere a cifra de agosto do ano pasado (402.745 pasaxeiros), polo que todo apunta a que este ano se acadará a capacidade máxima do aeroporto, fixada en 4 millóns de pasaxeiros polo Ministerio de Transportes no ano de inauguración da nova terminal, hai xa 13 anos.

Fronte a esta situación que atravesan os traballadores e traballadoras de Lavacolla-Rosalía de Castro, o comité fíxase en que Aena incrementou a súa marxe de beneficios pasando de 133,6 millóns de euros a 261 millóns.