A área sanitaria de Santiago despide a preto dunha trintena de residentes

Remataron 14 MIR e outros doce especialistas en Enfermaría

No mes de setembro concluirán a súa formación máis médicos 

Foto de familia de residentes e titores co xerente, Ángel Facio Villanueva

Foto de familia de residentes e titores co xerente, Ángel Facio Villanueva / Cedida

Redacción

Un total de 26 residentes veñen de rematar a súa formación nos centros da Área Sanitaria de Santiago. Trátase dos que comezaron a súa etapa MIR en maio do 2019 –aqueles cuxa especialidade require cinco anos de formación– ou a enfermería especialista en Familia, Pediatría e Saúde Mental, que precisan dous.

En setembro concluirán a súa formación o resto de residentes, ao ser o mes no que se incorporaron hai catro anos por mor da pandemia. 

Por este motivo, o salón de actos do Hospital Clínico celebrou este venres o tradicional acto de despedida aos residentes. Unha xornada presidida polo xerente da área sanitaria compostelá, Ángel Facio Villanueva, quen estivo acompañado pola directora de Enfermería, Victoria Carral García; o xefe de estudos e presidente da Comisión de Docencia, Rogelio Leira Muíño; o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza Sanjurjo, e o decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez.

En definitiva, este venres recolleron o diploma acreditativo 3 residentes de Cardioloxía, 2 de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica, 1 de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, 2 de Cirurxía Xeral e Aparato Dixestivo, 1 de Medicina Intensiva, 2 de Medicina Interna, 1 de Neurocirurxía, 1 de Oncoloxía Médica e 1 de Uroloxía. Ademais, 12 EIR (8 de Enfermaría Familiar e Comunitaria, 2 de Pediatría e 2 de Saúde Mental).

O xerente Ángel Facio felicitou e agradeceu o traballo a todos os residentes e titores e subliñou que se trata dunha promoción que viviu “unha época complicada, cunha pandemia que seguro que deixou pegadas na vosa formación”. Lembroulles que os profesionais sanitarios “temos que intentar curar (aínda que non sempre poidamos), pero o que si podemos facer sempre é coidar e acompañar”. 

Pola súa banda, o doutor Leira afirmou que o “noso é un oficio moi bonito con sinsabores e críticas, pero o global paga a pena. Espero que nunca deixe de ilusionarvos e que conservedes o noso cariño”. Sergio Cinza destacou que é “un día de alegrías, no que quero facer fincapé no voso compromiso co paciente, pero tamén coa formación e a investigación”. O decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez, dixo “qué unha sorte que o sistema poida contar con todos vós e anímovos a traballar, tamén a divertirvos e contribuír a manter a esencia asistencial, e a investigación e docencia”.

Victoria Carral, directora de enfermería, tamén felicitou aos residentes: “Os coñecementos reverten no coidado da saúde coa enfermería mellor formada, como coa que contamos nestes intres”.