Os populares critican as medidas anunciadas polo Goberno local para regular os fluxos turísticos

María Baleato considera que os estudos que se realicen ao amparo do convenio aprobado coa USC non estarán dispoñibles o próximo ano

Turistas e peregrinos camiñan pola zona vella da cidade / a. hernández

Turistas e peregrinos camiñan pola zona vella da cidade / a. hernández

O Concello de Santiago ideou unha nova estratexia para evitar a conxestión turística na contorna da Catedral este verán co obxectivo de distribuír mellor aos visitantes e mitigar as condutas incívicas que afectan aos residentes. Unha das propostas é a contratación de profesionais que guiarán aos turistas cara outros atractivos da cidade, fóra da zona vella.

Ao respecto, a concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato reclámalle ao BNG “máis prudencia e rigor xurídico” nas comunicacións das “súas medidas” sobre fluxos turísticos.

Baleato recordou o recente anuncio do Goberno local sobre a firma dun convenio coa USC para analizar o impacto actual do turismo na cidade e sobre a pretensión de que, a principios do 2025, hai a intención de desenvolver “baterías de normativas neste eido”.

Para a edil popular, isto volven a ser proclamas “baleiras de contido”, posto que, unha vez máis, “os prazos non dan, o que supón que o BNG volve a presumir de querer sacar adiante propostas banais e ociosas”.

María Baleato sinala que “o convenio prevé un prazo dun ano para facer un estudo sobre os fluxos, pero este acordo hai que asinalo e executalo, para despois aprobar as medidas normativas que foran necesarias”, así que “resulta materialmente imposible que, a principios do vindeiro ano, se poidan desenvolver as baterías normativas anunciadas”.

“A realidade, explicou, é que ata xuño do 2025 o devandito estudo non estará elaborado e logo virá a aprobación dunha ordenanza reguladora municipal, que require unha aprobación inicial; unha exposición pública durante, como mínimo 30 días; a resolución das reclamacións, se as houbese; e a súa aprobación definitiva, polo que os prazos non son reais” e, ademais, “as ordenanzas non entrarán en vigor ata a súa publicación no BOP da Coruña”.

A popular sinala que, con sorte, “estaremos xa no 2026” e tamén hai que ter en conta “a celeridade coa que traballan os nacionalistas, só hai que lembrar que non foron quen de remitirlle, á Xunta de Galicia, os informes solicitados con respecto á taxa turística no pasado mes de outubro”.

María Baleto remarcou que, desde o pasado verán, “estamos a ver como o BNG só dá “paus de cego, ademais de anunciar o apocalipse turístico para Santiago, con novas alarmistas e incoherentes”.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, leva meses traballando en atopar solucións efectivas para a problemática do turismo masivo. Recentemente, descartou a idea de cobrar por acceder a certas zonas, aínda que segue considerando viable a implementación dunha taxa turística. Ademais, están a explorar a posibilidade de regular o fluxo de turistas ao redor da Catedral. Mentres esperan a aprobación da Xunta de Galicia para a taxa, o goberno local decidiu contratar persoal que informará aos visitantes sobre outros puntos de interese en Santiago.

A concelleira Míriam Louzao, responsable de Turismo, anunciou recentemente que nas próximas semanas licitarase a contratación destes profesionais. A súa tarefa será orientar aos turistas cara a outras áreas fora do centro histórico, situándose en puntos estratéxicos como a praza do Obradoiro e Porta do Camiño, e tamén nas entradas dos dous camiños máis importantes do norte e do sur.

Por outra banda, o Concello tamén mantén un diálogo constante co sector turístico e nos vindeiros meses agarda reunirse co arcebispado para abrir o patrimonio relixioso da cidade aos visitantes, como unha das medidas para regular os fluxos turísticos, nun intento de desconxestionar os arredores da Catedral. Todas estas accións forman parte da campaña “Compostela Fráxil”, promovida polo goberno local.