Monicreques de Kukas cumpre 45 anos: "Eu son un políglota do arte, falo a través das marionetas ou da poesía"

Esta foi a primeira compañía de teatro con obxectos contemporánea galega

Na actualidade teñen 6 espectáculos en cartel, con tres shows de pantomima, aínda que todos con títeres

Nesta semana imparte un obradoiro en Santiago en colaboración co Centro Dramático Galego

Taller obradoiro de marionetas con Monicreques de Kukas

Taller obradoiro de marionetas con Monicreques de Kukas / Antonio Hernández

Antía Suárez

Grandes escenarios de máis de dous metros, marionetas cunha mestura de varios mecanismos que poden mover as pernas cunha manivela, unha actuación nas escalinatas do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, ou unha posta en escena das balconadas de Compostela, un punkarra con guitarra, pantomima con monicreques e incluso un espectáculo para un só un espectador do Gernika, ou outro do estado precario dos nosos mares. Así de extensa e rica é a obra dos Monicreques de Kukas, que cumpren 45 anos. Esta é unha compañía de teatro con marionetas que comezaron Marcelino Santiago Viqueira, alias “Kukas”, e Isabel Rey Pousada no ano 1979.

Para o seus espectáculos, elabórano todo de comezo a fin: as marionetas, vestimenta, escenarios, escenografía, iluminación, dirección, manexo dos monicreque e incluso en ocasións, os textos. Kukas explica que “cando comezamos, adiqueime a procurar textos de marionetas para a primeira obra, e non atopabas nada en ningunha das librarías de Compostela, nin en galego nin en castelán”. Os seus teatros viaxaron por un montón de lugares, a festivais en Portugal, Grecia e por toda España. Tamén colaboraron con varias institucións coma o Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, e a día de hoxe, co Centro Dramático Galego, co que está a elaborar un obradoiro no seu propio taller para crear unha marioneta de máis de dous metros con refugallo do mar, que será enviada a Irlanda unha vez rematada.

Ser o primeiro sen querer

Esta compañía picheleira foi a primeira de teatro con obxectos contemporánea galega, e moitos poderían preguntar onde aprenderon, ou de onde sacaron a inspiración, pero como apunta un dos seus creadores, Kukas, “se facías unha exposición de fotografía artística, como ninguén o fixera antes, entón ti eras o primeiro. Se facías unha exposición de cacharros postos, de repente estabas facendo arte contemporáneo, tamén sen sabelo. Antes ser o primeiro era sinxelo”.

Kukas, é un artista “políglota”, como se define a si mesmo. Dende moi novo experimentou con todas as “linguaxes” do arte que atopou, como a fotografía, pintura, teatro, creación de monicreques e incluso poesía, aínda que esta é unha faceta que se garda para si mesmo, xa que é algo máis íntimo. E se lle preguntas onde aprendeu a facer tantas cousas responderache que “dándolle aos miolos, para diante e para atrás, probando a facer cousas e aprendendo, botando a imaxinación que levas dentro para deixar sitio para máis”.

Desprezo ante ‘Hamlet’ con marionetas

A última obra que realizaron, Viva Vivaldi, conmemorando o 300 aniversario de “Las cuatro estaciones” do compositor, un espectáculo no que se representan os cambios que se producen en cada estación do ano con pequenas historias, levoulles cinco meses facela. Entre os diversos pasos da elaboración, Kukas destaca a música, que foi adaptada por un compositor para “facela máis sinxela e máis próxima” á representación. Só para esa obra, que dura unha hora, tiveron un mes e medio de ensaio para coordinar os movementos das marionetas e dirixir o escenario.

Alumnos de Kukas coas marionetas de Monicreques de Kukas

Alumnos de Kukas coas marionetas de Monicreques de Kukas / Antonio Hernández

Toda esta preparación débese a que esta compañía fai que cada unha das súas obras sexa única, cunha evolución constante nos seus métodos de construción, con marionetas de maior tamaño, coma na obra Canonxo de 1994, con marionetas de tamaño case natural (1,50 centímetros), ou máis pequenas, con diferentes mecanismos para mover as pernas cunha manivela e a cabeza con outra. Kukas comenta que facer este tipo de espectáculos en Galiza é moi doado, porque moitos actores non querían traballar con marionetas, co que atopar manipuladores era moi difícil, aínda que a día de hoxe xa hai máis.

Aínda así, un problema que si se atoparon foi a reticencia ás obras por monicreques. “A xente se ti fas un Hamlet con marionetas míranche con desprezo clamando ‘como te atreves’, en cambio se ti fas Na cabeza do Dragón que está escrita para marionetas, e a fas con actores, ninguén che di nada”.

‘Non é sinxelo crear un público fiel no teatro de títeres’

A resposta do público a este tipo de espectáculos adoita ser positiva, se ben é certo que agora non é coma antes, como apunta Kukas, que “é moi doado ter un público exclusivamente de nenos, coma naquelas fotografías dos 80 en Boiro, onde había 200 nenos, tirándose ás marionetas. Agora os nenos van acompañados, pero por exemplo, esta última ascensión puxéronnos nunha carpa, algo escasa na miña opinión, e a xente quedaba fora da carpa mirando”. Agora o seu público é máis mixto, pero hai cousas bonitas como clientes que o viran con 10 anos, levando aos seus netos aos mesmos espectáculos que eles gozaran de cativos.

Ante a idea de facer espectáculos para adultos el explica que os públicos son remisos a un “espectáculo de monicreques para adultos”. Se ben aos de nenos acude calquera, a etiqueta de adultos espanta ás audiencias. Mais, para a compañías, un dos maiores retos ao que se enfrontan na actualidade é á imposibilidade de crear unha audiencia fiel. “Cando hai programación estable, nos vemos como as audiencias crean unha costume de vir a vernos,tes que crear o teu público. O problema é que non hai circuítos específicos, moitas veces inclúen as marionetas en circuitos con maxia, danza, teatro de actores. Isto acaba prexudicándonos”.

Sen Casa dos Monicreques

No obradoiro que se está impartindo, nestas semanas, dende o 4 ao 12 de xuño no seu propio espazo de traballo, moitos profesionais do sector acoden a aprender de Kukas. Trátase dun taller para aprender os métodos de construción e animación de marionetas. Kukas parte dunha idea moi sinxela “a persoa que manipula os monicreques debería elaboralos, ou polo menos saber como se fan”. Borja Insúa de Títeres Alakrán, expresa que “o máis importante dos seus cursos é que aprendes facendo, traballando”. Denisse, unha escenógrafado de Brasil, comenta que “para min é a primeira vez nestes obradoiros, e creo que serven para aprender a construir sobre todo, pero tamén che permiten estar en contacto coas persoas do sector”. Moitos dos alumnos expresan o honor que é traballar cunha figura tan importante coma Kukas.

Mais, por moito que se celebre os Monicreques de Kukas fora de Santiago, a realidade é que nesta cidade non se está a facer nada por conmemorar os 45 anos destes artistas santiagueses. Máis aínda, dende 2017 que se aprobou no Concello a construción da Casa dos Monicreques, un espazo destinado a exposicións e á conservación deste arte, a compañía non sabe o estado do proxecto. Como expón Kukas, “temos que celebrar a nosa cultura, cando dimos a última actuación en galego os peregrinos saían cun sorriso na cara, porque veñen aquí para experimentar a nosa cultura”.