O Café Casino busca achegar a música clásica e o jazz ao centro de Santiago

“Gustaríanos ofrecer unha programación regular ao longo do ano", asegura o presidente da Asociación Cultural Casino de Santiago, Ubaldo Rueda

De esquerda a dereita: Julio Mourenzá, Marta Comesaña, Ana Guisande, Kin García; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; Luis Blanco, Noli Torres, Martín Otero, Ubaldo Rueda e a concelleira Mercedes Rosón.

De esquerda a dereita: Julio Mourenzá, Marta Comesaña, Ana Guisande, Kin García; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; Luis Blanco, Noli Torres, Martín Otero, Ubaldo Rueda e a concelleira Mercedes Rosón. / Cedida

O Café Casino de Santiago acaba de pechar o primeiro ciclo de concertos Musicasino, un evento que, grazas á colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e o Conservatorio Superior de Música de A Coruña, achegou tres concertos nos que se mezclaron música clásica e jazz. Nel, actuou o director do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, Julio Mourenzá, interpretando co piano temas de Debussy, Mompou e Philip Glass. Ademais, homenaxeouse aos grandes mestres Bill Evans e Robert Muczynski con outras dúas actuacións.

O presidente da Asociación Cultural Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, amósase moi contento co resultado aínda que recoñece a EL CORREO GALLEGO que “non foi doado organizar o primeiro ciclo de concertos Musicasino”. “Hoxe en día é moi difícil atopar un local de Santiago no que poder escoitar jazz e música clásica, pero acabamos de abrir unha porta e gustaríanos consolidala ofrecendo unha programación regular ao longo do ano, con tres concertos en cada un dos ciclos”, agrega.