De harpías e grifos a aguias e leóns: as bestas medievais da Catedral de Santiago

O Consorcio de Santiago edita o estudo do investigador Victoriano Nodar sobre a iconografía animal do interior da basílica xacobea

Dous capiteis con iconografía animalesca na Catedral de Santiago

Dous capiteis con iconografía animalesca na Catedral de Santiago / JESÚS PRIETO

Séculos despois da súa construción, a Catedral de Santiago segue reservando sorpresas ao visitante profano na historia da arte. É o caso da iconografía animalesca, que coroa máis de setenta capiteis repartidos polo interior da basílica xacobea. Hainos na cabeceira e nos brazos do cruceiro, pero tamén nas naves, os pórticos interiores, as galerías e a cripta. 

Leóns rampantes, harpías, aguias, grifos, hienas, monos, ibis, dragóns, panteiras, bóvidos, aves afrontadas ou monstros híbridos son parte deste bestiario medieval recollido polo doutor cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Victoriano Nodar, en El bestiario de la Catedral de Santiago. Espacio, Función y Audiencia.

Editado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora, o libro presentouse este xoves na sede da entidade na rúa do Vilar, nun acto no que tamén participou a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a responsable da editorial, Lucila Ventoso, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

“Estes capiteis que teñen representacións do bestiario animal, quedaran nun segundo plano nos estudos sobre a Catedral, que ao longo do tempo se centraron máis na evolución construtiva do edificio e nas grandes portadas, como Platerías e por suposto o Pórtico da Gloria, que eclipsaron estes outros elementos”, explica Victoriano Nodar. 

A obra é froito de anos de investigación na que o autor aplicou unha novidosa metodoloxía combinada que parte da iconografía do teórico da crítica da arte Erwin Panofsky, pasa pola semiótica de Umberto Eco e adéntrase nalgúns aspectos do postestruturalismo francés, sen esquecer o estudo máis tradicional e estilístico. 

“Aplicando este método combinado puidemos concluír que estas imaxes no son unicamente unha decoración do espazo sacro interior da Catedral, senón que teñen unha mensaxe moral moi en relación cos textos nos que en moitas ocasións se inspiran, e co interese por comunicar o dogma que ten o arte medieval, románico neste caso”.  

O estudo sobre estas imaxes tamén revelou que a súa colocación non se deixou ao azar, senón que foron estratexicamente situadas en determinados puntos da basílica para seren vistas polas persoas que a visitaban: “Os animais inclínanse cara abaixo e coas súa mirada buscan os nosos ollos”. 

Cando un visitante entraba á Catedral, “á parte de toda a simboloxía que encontraba esculpida no exterior, a mensaxe continuaba no interior, e nos tramos inmediatos ás portadas os pilares están cheos de capiteis, a inmensa maioría con temática do bestiario”, apunta Nodar, quen incide en que "se trata dun importante aspecto susceptible de ser analizado nun templo destinado a ser meta e fluxo de peregrinos e que está dedicado ao culto dun dos apóstolos de Cristo".

Na súa condición de gran meta de peregrinación e centro motor da reforma litúrxica, a curia compostelá elaborou infinidade de homilías cheas de metáforas vexetais e animalísticas, que proban a familiaridade do clero catedralicio con estas temáticas e o seu uso moralizante. A inserción destas bestas na basílica xacobea adquire, con frecuencia, o ton e a estrutura dun sermón, a Catedral como a terra de labranza do Señor, na que o viñador apostólico soubo domear o salvaxe, as feras e a maleza, e implantar así a orde divina. 

O catedrático de Historia da Arte da Universitat Autònoma de Barcelona, Manuel Antonio Castiñeiras, encargado de prologar o libro, fai fincapé na grande achega que supón para a investigación arquitectónica. "Estamos ante unha importante contribución non só ao estudo da catedral románica, senón tamén ao coñecemento da significación e uso do tema do Bestiario na Idade Media, cuxo modelo metodolóxico podería ser aplicado a outros importantes edificios do románico hispánico e transpirenaico", explica.

Máis de 300 fotografías complementan o libro, que reúne moitos detalles inéditos ou esquecidos do bestiario pétreo da Catedral.