reunión o domingo

Un 10% dos fogares galegos son monoparentais

As familias cun só coidador esixen que se lles recoñeza xa, pois aseguran que están desamparadas // Non contan con axudas específicas e o permiso de maternidade segue a ser inxusto cos seus bebés // A conciliación é incoherente e a maioría vense obrigadas a reducir a xornada laboral

María cos xemelgos

María cos xemelgos / Cedida

Os tempos cambian, avanzan, e con eles tamén mudan os esquemas sociais, ou máis ben, as mentes ábrense e o que antano se vía como algo insólito, hoxe está plenamente normalizado. O problema xorde cando non está regulado a nivel administrativo, e iso é o que acontece coas familias monoparentais. O modelo tradicional ditaba que unha familia estaba conformada pola nai, pai e fillos, pero a día de hoxe esa clasificación está moi desfasada. Persiste, por suposto, pero xunto a ela conviven moitos outros. Entre eles os compostos por un só coidador, modelo que a día de hoxe está moi desamparado. Así o explican dende a Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en marzo de 2021 co firme obxectivo de lograr que se recoñeza esta estrutura familiar e que se lles trate con equidade. “Aínda non contamos cunha regulación específica nin a nivel nacional nin galego. No Goberno central estase a tramitar a Lei de Familias, pero aínda non está aprobada (ten luz verde o anteproxecto) e aquí en Galicia estaba previsto normalizar a nosa situación, pero agora mesmo está todo parado. De aí que sexa tan complicado atopar datos”, asegura a presidenta e fundadora de FAGAMOS, Inma Alonso.

Un 10% dos fogares galegos  son monoparentais

Pablo coa súa filla / Cedida

Dende a Xunta, respostan que levan “meses traballando na elaboración dun decreto que desenvolva a regulación da condición de familia monoparental ao tempo que crean o Rexistro de Familias Monoparentais. Non obstante, este proceso estivo suspendido á espera de que o Goberno central presentase o seu anteproxecto de Lei de Familias”, indica a Consellería de Política Social. E insisten en que “o Goberno mantén o compromiso de aprobar o rexistro de familias monoparentais e un plan de apoio específico para este colectivo”, confirman.

Un 10% dos fogares galegos  son monoparentais

Inma e os seus fillos / Cedida

A pesar disto, no Instituto Galego de Estatística (IGE) detállanse cifras do número de fogares monoparentais na comunidade. Uns números, iso si, que segundo explica a presidenta de FAGAMOS, “non representan de xeito real ás familias monoparentais que existen xa que, entre outras cousas, poñen o foco nos fogares e non nas unidades familiares, o que fai que un gran número delas non estean censadas”.

Un 10% dos fogares galegos  son monoparentais

Beatriz coa nena / Cedida

Segundo os últimos datos do IGE, que corresponden ao 2021, a nosa comunidade conta cun total de 107.122 fogares deste tipo, o que implica que un 9,98% son monoparentais (Galicia conta con 1.073.031). Deles, a gran maioría atópanse ubicados na provincia de A Coruña (45.663). Segundo a información aportada pola Xunta, o número de certificados da condición de familia monoparental emitidos polo Goberno galego dupliucouse no último ano, ao pasar dos 1.495 expedidos en 2021 aos 2.799 emitidos no conxunto de 2022. Salvo algunha excepción, “a práctica totalidade destes certificados teñen como única proxenitora a unha muller”, indican dende Política Social.

Nula conciliación

Inma Alonso foi nai de xemelgos bivitelinos aos 43 anos pola técnica in vitro con doante e vive cos seus fillos en Noia; María López (vicepresidenta de FAGAMOS) aos 38, por inseminación artificial con seme de doante, e hoxe goza dun neno e unha nena, xemelgos bivitelinos, na súa casa de Culleredo. Beatriz Boente iniciouse na maternidade aos 37 e ten agora unha pequena de 13 meses que naceu por inseminación artificial con seme de doante, e coa que vive en Ponteareas. E si, aínda que os datos manifestan que as familias monoparentais conformadas por mulleres gañan por goleada, tamén as hai na que o pai é o coidador. Pablo Carvajal é o responsable único da súa filla de 7 anos dende hai ano e medio e vive con ela en Sada. Todos comparten algo máis alá do esquema familiar: tiveron que reducir a xornada laboral ante a imposibilidade doutra forma de conciliar. Unicamente Beatriz puido conservar o seu horario “porque ya hacía menos de 40 horas a la semana”. “Cando quedei embarazada tiña un posto de directiva que era incompatible coa maternidade. Plantexeime cambiar de categoría e ao final tiven que deixalo e poñerme como autónoma. Agora estou de novo nunha empresa privada pero con xornada reducida, o que implicou que os ingresos familiares minguasen”, sinala Inma.

María, pola súa parte, tivo que chegar a denunciar a súa empresa para que lle concedesen a concreción horaria. “Ao ter que tomar esta decisión pode dicirse que é un modelo de familia que empobrece porque só entra un soldo na casa. Cobro moi pouco para poder estar con eles”.

Pablo Carvajal é avogado e tivo que reducir tamén horas laborais. “Me he visto obligado a escoger entre mi hija y mi trabajo. Es cruel que la administración pública nos oblige a elegir. Lo normal sería tomar el modelo del norte de Europa, donde el horario escolar es el mismo que el laboral y los festivos coinciden. Esto implicaría un coste cero y un gran beneficio para todos”, sentencia.

Permiso de maternidade

Actualmente os permisos de maternidade e paternidade están igualados en España para evitar a desigualdade. Non obstante, o noso país aínda ten moito que avanzar ata lograr un período xusto para nais e bebés. “A conciliación é de todo incoherente. Non se pode dicir que é axeitado dar o peito ata polo menos os 6 meses cando hai que incorporarse ao traballo aos catro. Non podo ser a comida do meu neno e estar a 10 quilómetros del”, di María.

Galicia acumula xa varias sentenzas con fallo favorable para ampliar os permisos por nacemento das familias monoparentais. Beatriz é un desos casos que conseguiu máis meses. “Cuando pedí en el INSS el doble permiso me vino denegado. Recurrí y no me lo concedieron, así que al final lo llevé a juicio y me comunicaron que me daban a parte de las 16 semanas, 12 más. Después rectificaron y me explicaron que eran 10 porque seis son compartidas entre padre y madre”, conta. “Al final disfruté esas 26 semanas, pero las últimas diez no las he cobrado y lo único que me dicen es que el Tribunal Superior de Xustiza se encargará”.

Un modelo sen regular

Inma lembra que cando tivo aos nenos, hai dez anos, se atopou con moitas trabas e descoñecemento administrativo a todos os niveis. Algo que ratifica María: “As familias monoparentais non temos axudas fóra das que recibe calquera outra. O bono social da luz ou puntos para solicitar a gardería e o colexio é o único que desfrutamos”.

Con todo, estas nais e pais coraxe están encantados coa súa decisión e danlle folgos a quen se plantexe este modelo familiar. Porque a fin de contas as dificultades administrativas xamais logran empanar o amor dunha nai ou pai polo seu fillo. Un sorriso deles cura todos os males.