Jorge Mira: “Nós facémolo co reloxo e os animais adáptanse á estación naturalmente”

O catedrático de Física da USC publica un estudo xunto ao investigador da Universidade de Sevilla Martín Olalla, no que ambos reducen a un 5 % os posibles riscos para a nosa saúde do cambio horario deste domingo

O investigador e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago, Jorge Mira

O investigador e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago, Jorge Mira / Santi Alvite

O catedrátido de Electromagnetismo da Facultade de Física da USC, Jorge Mira, defende con rotundidade o cambio de hora dúas veces ao ano en latitudes como a nosa para adaptarse aos diferentes períodos estacionais, asegurando que “en Santiago hai unha diferenza de 3 horas e 15 minutos de luz solar entre Nadal e San Xoán, co que hai que adaptar o reloxo tal e como, por outra parte, fan os animais, adaptarse a estes cambios estacionais”.

Explica nunha entrevista con este xornal que os galos de Compostela cantarán mañá un minuto e medio antes porque o sol sairá tamén antes, e o ser humano aínda que xa non é tan natural porque está pendente do reloxo, ten que adiantalo unha hora para acoplarse e responder a algo que é natural no cerebro”.

Jorge Mira é coautor xunto ao investigador da Universidade de Sevilla José María Martín Olalla dun estudo sobre os efectos que esta modificación ten na saúde humana durante a semana posterior, e a conclusión á que chegan ambos é que os riscos asociados situaríanse nun 5 % cando a modificación se produce na última fin de semana de marzo, mentres que na de outubro non detectan incrementos.

Tras asegurar o profesor da Universidade de Santiago que quedaron “absolutamente escandalizados ante a relación de titulares de estudos advertindo de que aumentaban nun 25 % os riscos de infarto ou de outras patoloxías, o que eu chamaría bulos estatísticos”, analizaron os trece artigos máis citados neste campo, utilizados en informes de avaliación da Comisión Europea para cuestionar a visibilidade da práctica do cambio de hora, e concluíron que os seus resultados fundaméntanse en mostras analíticas insuficientes.

Resultados sustentados en análises estatísticas con números de casos reducidos, o que fai aumentar a marxe de erro no resultado final.

Jorge Mira sinala que “hai un sesgo das mostras que non teñen en conta as zonas xeográficas, e que miran por exemplo nunha área na que hai catro infartos de media e a semana despois do cambio horario elévanse a seis, co que conclúen que subiron un 50 %, pero se o fixeran nunha zona máis grande, non pasarían de 400 a 600, senón a 440 ou 380, co cal non habería ese incremento do 50 % de infartos do que falan”.

Engade que “quedamos abraiados con estas conclusións, e o que vimos foi que incluso poñéndonos ao lado dos catastrofistas, como moito podería haber un 5 % máis de risco co cambio horario de verán, e o que ninguén pode saber é o que pasaría se non houbera ese cambio horario, se as autoridades deixaran de facelo un ano para realizar todos os estudos científicos posibles sobre a súa incidencia”. A súa conclusión é que “sería moito peor porque incluso hai algún estudo que fala de que o cambio mellora certas cifras”.

O artigo de Mira e Martín Olalla, que acaba de publicarse na revista Chronobiology Internationalbaixo o título "Sample size bias in the empirical assessment of the acute risks associated with daylight saving estafe transitions", aborda a metodoloxía empregada en oito artigos que miden a influencia do cambio de hora en infartos de miocardio e en isquemias, e outros cinco traballos que o fan en base a datos de accidentes de tráfico e en admisións a urxencias por traumatismos.

Entende o investigador galego que “hai países practicando o cambio estacional da hora dende hai máis de cen anos sen sobresaltos, e agora as técnicas estatísticas e a minuciosidade dos rexistros permiten afinar os cálculos e identificar impactos sociais e na saúde que antes pasaban desapercibidos porque son pequenos en comparación con múltiples factores que inflúen no problema”.

Para Martín Olalla, “practicar o cambio de hora axudou a non adiantar os horarios no inverno, algo que se demanda por parte dos profesionais da Medicina e especialistas en fisioloxía porque en si mesmo implica unha mellora en cuestións sociais e de saúde”.

Establece unha comparación entre o cambio de hora e o de armario, e di que “son molestias que traen as estacións á nosa latitude; para moitos non sería agradable calzar sandalias no inverno ou botas no verán”.

Sobre os motivos polos que algúns non queren cambiar, Jorge Mira indica que podería ser “por deformación profesional. Eu, como son físico, o que vexo é que en Santiago o sol peta máis a plomo durante dous meses que en Kenia, mentres que noutros tres ou catro meses do ano a súa incidencia é moito menor que na Antártida”, e cre que Finlandia solicitou non cambiar a hora porque “a eles non lles arranxa nada, a luz solar cambia unha hora cada tres días”.