"As que limpan" e "O porco de pé" triunfan na 27 edición dos premios de teatro María Casares

Josito Porto levou o galardón ao mellor actor protagonista polo seu papel en "O porco de pé" // Noelia Castro foi distinguida mellor actriz por "As que limpan"

A actriz Noelia Castro recolle o premio á mellor actriz protagonista nos XXVIII Premios de Teatro María Casares

A actriz Noelia Castro recolle o premio á mellor actriz protagonista nos XXVIII Premios de Teatro María Casares / AAAG

O.M.G.

Os XXVII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premioAs que limpan, de A Panadaría, conquistou catro galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).

Pola súa banda, O porco de Pé, montaxe de Producións Teatrais Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto).

Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo). O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou)

Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

Gala na "oficina das cousas esquecidas"

A gala dos premios María Casares celebrouse onte na “oficina das cousas esquecidas”, na que se convertiu o escenario do teatro Rosalía de Castro, unha oficina na que tanto se lembran dunha praza de aparcamento como das actrices maiores de 55 anos, que xa non contan para quen pon en marcha os proxectos. Unha oficina na que recordan a aquelas que se reivindican como “pallasas” e as que son “multidisciplinares”, as que traballan no teatro e nos bares, nas bibliotecas e nos institutos, as que montan e desmontan, as que conducen, escriben e interpretan, as que viven nas marxes e que loitan por seguir expresando a súa arte aínda que as butacas estean baleiras ou non saiban se o seu proxecto vai funcionar.

O actor Josito Porto co seu premio / iago lópez

O actor Josito Porto co seu premio / iago lópez / G.M.O.

A gala dos premios María Casares honrou o teatro en todas as súas vertentes con música, con moito humor e con todas esas disciplinas menos vistas, como a acrobacia aérea ou a improvisación.

María Casares dicía que o teatro é político e, nesa idea, afondou o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Xosé Barato fixo fincapé na “precariedade” que sofren moitos compañeiros. “Na gala queremos render homenaxe ás disciplinas que están nas marxes, por iso se inclúen dúas novas categorías para que os María Casares se adapten á realidade do país”, relatou, en referencia á inclusión das categorías Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas e tamén da de Mellor dirección de movemento.

A encargada de ler o manifesto galego polo Día Mundial do Teatro 2023 foi Clara Gayo, que reivindicou “o teatro que fai o que sempre fixo: acompañar, cuestionar, revelar, padecer... Un teatro do Ser”. Gayo fixo fincapé tamén na capacidade do teatro de mudar, de amosar o que está agochado, de falar do máis xeral e da anécdota máis pequena. “O teatro permite tantos códigos como artistas acolle, só ten unha condición: alguén expresa e alguén recibe. Ver para crer, crer para crear”, dixo Gayo sobre o escenario, que agradeceu a oportunidade de se poder poñer “intensa”, como a ela lle gusta.

Un dos agradecementos máis sentidos da gala foi o da actriz Noelia Castro, distinguida como mellor actriz protagonista, polo seu papel en As que limpan, de A Panadaría, que quixo sandar unha débeda histórica coa súa nai, limpadora e coidadora desde os trece anos.

Xa co María Casares na man, lembrouse daquel día que, na escola, preferiu dicir que a súa nai non traballaba a dicir que era limpadora. “Nós temos un traballo no que, ao rematar, nos aplauden, ela, un no que lle pisan o que fregou”, recordou.

O premio de honra Marisa Soto foi para Cloti Vaello, co que a Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñece a traxectoria dunha muller que leva, agulla na man, máis de corenta anos traballando no teatro, os mesmos que levou a profesionalización do oficio en Galicia. “Persoas comprometidas coma ela abriron portaas, fixeron fogar e regaláronnos un teito para o acubillo”, destacou a directiva.

“Até 2016, ano da súa xubilación, Cloti Vaello teceu redes, corcoseu o sector e vestiu a todas as xeracións de actores e actrices qure traballaron desde o aquí e desde o agora. Sempre entre fíos e retallos”, relatou a directiva.

“Eu sentíame xa premiada e valorada e querida por case todos vós, porque supoño que haberá alguén a quen eu non lle guste, eu xa sentía que tiña un premio. Non pensaba estar aquí porque me parece un rollo o dos agradecementos”, explicou Vaella que asegurou que quería a todos os compañeiros do teatro pero que tuivo un recoñecemento especial para Carlos Alonso quen, para ela, é o mellor escenógrafo de Galicia.

O presidente da AAAG, Xosé Barato, aproveitou a súa intervención para denunciar que a gala —que se puido seguir a través da plataforma Youtube— non foi retransmitida pola TVG, como pasou xa nos últimos cinco anos. ”É unha anomalía e unha falta de respecto cando desde a actual e lonxeva dirección da CRTVG se afirma que nunca houbo tanto teatro como agora na TVG. Négase a recibirnos para tratar asuntos tan importantes como a vulneración de dereitos en series que levan selo público”, comentou Barato, que reivindicou o labor de quen se manifesta en favor “duns medios públicos libres de manipulación”.

Na gala houbo tempo tamén para lembrar as persoas que xa non están e que faleceron este ano pasado.