Adopcións

Galicia acada a cifra de adopcións máis alta dos últimos seis anos

A pesar disto, os datos están moi lonxe dos ofrecementos que se rexistraban hai unha década // O ano pasado formalizáronse 40 // Os nenos en acollemento familiar foron 1.049 no 2021

Dúas nenas fan debuxos no chan / PEXELS

Dúas nenas fan debuxos no chan / PEXELS / ALBA PRADA

En todos os medios de comunicación, pero tamén na rúa: o tema de discusión do momento é a xestación subrogada. O caso de Ana Obregón fixo saltar todas as alarmas e España divídese entre aqueles que o consideran unha aberración e os que entenden a súa decisión e a doutras familias que se decidiron por esta vía para ser pais. E no medio do debate sempre hai quen se pregunta cal é o motivo polo que non prefiren adoptar. Esta cuestión ten unha resposta sinxela: “A adopción é unha medida de protección á infancia e a xestación subrogada é unha técnica de reprodución asistida. Os focos son distintos: na adopción está posto nos nenos e nenas e na xestación subrogada, nos pais. Non ten nada que ver”, explica Antón Mouriz, coordinador da Asociación Galega de Adopción e Acollemento (Manaia). E é que dende a entidade queren deixar moi claro que o sentido da adopción non é outro que buscarlle aos pequenos a familia na que mellor encaixen. “Non existe o dereito a adoptar en ningunha lexislación do mundo, o que existe é o dereito a ser adoptado e a Administración ten o deber de ofrecerlle a mellor familia posible”, aclara Antón.

En Galicia o número de familias que adopta acadou no 2022 a cifra máis elevada dos últimos seis anos, segundo confirman dende a Consellería de Política Social. A cantidade de solicitudes de adopción nacional (ámbito galego) ou internacional presentadas na comunidade durante o 2022 (ano pechado) foron 183, o que supón un incremento do 14 % respecto ao ano anterior. O pasado exercicio consolidouse a recuperación xa rexistrada no 2021 no número de familias galegas que deciden ofrecerse para unha adopción. Respecto do tipo de ofrecementos, a maioría das solicitudes seguen sendo no ámbito da adopción nacional (122), mentres que as 61 restantes refírense a adopcións en países fóra de España. En todo caso, as cifras están lonxe dos ofrecementos que se rexistraban hai unha década. Por exemplo, só no 2010 contabilizáronse case 600 ofrecementos de adopción de familias galegas, unha baixada que dende Manaia interpretan que se produciu por varios factores, entre eles, que xa moitos nenos non precisan ser adoptados e porque moitos países melloraron as condicións deste proceso.

En canto ás formalizadas, en 2022 rexistráronse na comunidade un total de 40. “Tendo en conta o noso peso poboacional, a cifra de adopcións formalizadas é similar á media española e ao resto de comunidades autónomas, xa que en todo o Estado formalizáronse 846 no último ano con datos oficiais (2021)”, explican dende o Goberno galego.

O número de acollementos en Galicia é moito maior ao de adopcións. Segundo datos da Xunta (de 2021) son 1.980 os nenos e adolescentes nesta situación, dos cales 1.049 residen cunha familia. Esta opción, explica o coordinador de Manaia, é temporal, pois os nenos e nenas conviven coa familia ata a maioría de idade, que é cando deixan de estar tutelados pola Administración. “Moitas ao final acaban adoptándoos”, indica Mouriz.

Listas e formación

As adopcións poden ser nacionais, internacionais, e tamén abertas. Esta última, explica Antón, dáse cando o neno ou nena segue a ter contacto coa familia de orixe. “No caso dunha adopción habitual é a partir dos 18 anos cando poden ter acceso ao seu expediente e buscar as súas orixes en caso de querer facelo”.

Hai ademais dúas listas das que se pode formar parte: unha autonómica única, na que se atopan as persoas que desexan adoptar a bebés menores dun ano. E a outra é a provincial. “En Galicia pódese estar á vez en ambas e tamén ter abertos a un tempo un proceso de adopción nacional e internacional”, explica Antón. Hai que incidir en que a Consellería de Política Social é a encargada de tramitar os procedementos.

Dende Manaia aproveitan para demandar máis persoal e medios para axilizar os procesos e inciden na importancia de formar ás familias que adoptan ou acollen. De feito visitan mensualmente as sete principais cidades galegas para ofrecer apoio e organizar actividades. O próximo día 20 estarán en Santiago no centro CABES para dar unha charla de acompañamento na sexualidade.

CARMEN E ÓSCAR

Pais adoptivos

“NON TEMOS DEREITO A SER PAIS, ELES TEÑEN DEREITO A UNHA FAMILIA”

Carmen e Óscar viven en Santiago e son pais de Wen Lois, un neno de orixe chinesa de 8 anos, e Ana Jing, unha pequena de orixe nacional de catro anos. A ilusión desta familia era “ter unha casa chea de nenos, queríamos polo menos catro fillos”, conta Carmen. Tiñan claro que querían adoptar e é por iso que no 2010 iniciaron a dobre vía, é dicir, tanto nacional como internacional. E resultou a mellor decisión que tomaron, pois a bioloxía “non funcionou” e hoxe son pais grazas ao seu desexo de adoptar. Foi a finais de 2017 cando por fin o seu fillo Wen pasou a formar parte das súas vidas. “Viaxamos a China a buscalo. Estivemos agardando impacientes a que nos chegase a carta de invitación”, conta. “O proceso foi duro para el, pero é moi espabilado e intelixente e aprendeu rapidísimo o idioma. Asemade a nós Manaia formounos moito e iso é básico”, asegura. Cando xa non tiñan esperanzas de ter máis fillos, chegou a segunda alegría das súas vidas: un bebé de tan só seis semanas para o que eles eran a familia axeitada. “As esperas, o proceso en si foi moi duro, pero é difícil sobre todo para os nenos. Hai moita desinformación sobre as adopcións e se algo temos que ter claro é que nós non temos dereito a ser pais, son os pequenos os que teñen dereito a ter unha familia”. E a pesar das esperas, din que foron as necesarias para reunirse cos seus nenos

[object Object]

Se hai nenos que precisan axuda son aqueles que se encadran no que se chama “adopcións especiais”, é dicir, pequenos que sobrepasan os 8 anos de idade, grupos de irmáns ou nenos con algunha dificultade física, psíquica ou sensorial. Olalla Castiñeiras é a coordinadora do programa de adopcións especiais da Fundación Meniños, unha oenegué que traballa polos dereitos da infancia e a adolescencia en colaboración coa Consellería de Política Social, e explica que actualmente “hai 45 familias á espera de integración dun neno e dez nenos agardando por unha familia”. O ano pasado dende a entidade formaron a 26 familias e integraron a 6 pequenos.

Nalgúns casos eles encárganse da integración e noutros é a Xunta a que a fai e dende Meniños céntranse no seguimento. “Durante dous anos este apoio é obrigatorio, logo non, pero ningúen se dá de baixa porque sempre teñen dúbidas cando entran na adolescencia ou cando comezan a preguntar pola súa historia vital”, di. “Asemade brindamos formación continua porque para adoptar a estos nenos é primordial ser responsables, non todo o mundo está preparado. A nós nunca nos pasou que nos devolvesen a un neno, pero coñezo casos, porque ás veces derívannos pequenos que sufriron un dobre abandono. E ese é sempre o meu terror a nivel laboral”.

Recalca que cando alguén adopta sempre se fan como mínimo cinco entrevistas e catro sesións de catro horas de formación. O seguimento realízase desprazándose polas cidades.