Aberto ata o 15 de xuño o prazo para presentarse á Bolsa Nacho Mirás para os xornalistas noveis

Está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e dotada con 6.000 euros

Pola esquerda Ramón Mariño, Alba Silva, Carmen Novo, Belén Rodríguez e Xaime Leiro /CPXG

Pola esquerda Ramón Mariño, Alba Silva, Carmen Novo, Belén Rodríguez e Xaime Leiro /CPXG / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza e desenvolve a oitava bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. O acto de presentación tivo lugar onte na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC). O acto abriuno Alba Silva Rodríguez, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, quen agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca (o patrocinador) o seu apoio á iniciativa e repasou os anteriores gañadores da Bolsa Nacho Mirás, destacando que “a meirande parte dos proxectos son de ex alumnos desta facultade”.

O director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño Pérez, manifestou a satisfacción de Abanca por seguir colaborando con este proxecto e destacou que o apoio á bolsa Nacho Mirás se enmarca na aposta de Abanca pola mocidade.

Pola súa parte, Xaime Leiro, da Xunta de Goberno do CPXG e director de El Correo Gallego, fixo tamén unha lembranza de Nacho Mirás, de quen manifestou que “me fixo sentir, me fixo pensar e me fixo chorar”, polo que é un “orgullo”, asegurou, ter unha bolsa para xornalistas noveis que leve o seu nome.

Ao remate das intervencións presentouse tamén a iniciativa que resultou gañadora da sétima edición da Bolsa Nacho Mirás, Notas á marxe, que parte dun produto literario, que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro. A partir de aí, busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa.

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros e a recepción de propostas está aberta ata o vindeiro día 15 de xuño.

As persoas interesadas deben enviar por correo a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado, a declaración de non ter concedida nin solicitada ningunha outra axuda e unha nota sobre o autor ou autores.