"Sangenjo" VS. "Sanxenxo": novo choque entre a RAE e a RAG a conta do topónimo

Un chío da Academia española asegura que "lo indicado es emplear la forma tradicional 'Sangenjo' al hablar o escribir en español" // A galega responde que "Sanxenxo" é a única forma oficial recoñecida por esta institución

Detalle do mapa de 1704 "Le Royaume de Galice Divisé en plusieurs Territoires" no que se recolle o topónimo St. Xenso

Detalle do mapa de 1704 "Le Royaume de Galice Divisé en plusieurs Territoires" no que se recolle o topónimo St. Xenso / Leibniz-Institut für Länderkunde

Un chío no perfil de Twitter da Real Academia Española, seguido dun extenso fío explicativo, fixo saltar de novo á palestra a polémica arredor do topónimo máis famoso de Galicia no que respecta ao seu uso. A RAE defende nesa publicación a denominación "Sangenjo" fronte á forma galega "Sanxenxo", de difícil pronuncia alén do "telón de Grelos".

O tweet en cuestión é unha resposta a outro perfil que di: "No es #Sanxenxo, es #Sangenjo #dudarae @RAEinforma". Na súa contestación, a RAE fai unha estraña distinción entre o uso da forma "Sanxenxo", que afirma "es preceptivo utilizar en textos oficiales generados por la Administración". Para o resto de usos, a Academia española asegura que "lo indicado es emplear la forma tradicional 'Sangenjo' al hablar o escribir en español".

A recomendación "lingüística" e a afirmación de que "Sangenjo" é a forma tradicional non tardou en ser rebatido pola Real Academia Galega que defende que "Sanxenxo é un topónimo galego e a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente". E engade: "A RAG, como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma".

"Non sei se á RAE lle gustaría que fixesen iso cos topónimos en español", di a académica de número da RAG Ana Boullón. "Os topónimos deben respectarse na súa forma orixinal e desde a Idade Media esta forma é Sanxenxo, cunha escrita que varía pero así pronunciada". Boullón fai referencia ás recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), que están baseadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal.

Ademais da RAG, o Twitter encheuse, como adoita, de reaccións polarizadas ao respecto do uso dunha palabra que van máis aló do estritamente lingüístico. A reacción da RAE ante as críticas recibidas foi a elaboración dun fío explicativo no que argumenta que as formas españolas dos topónimos "pueden responder a una forma propia, a una traducción, a una adaptación o a la mera transferencia de la forma original". Tamén explica que "la forma tradicional castellana 'Sangenjo', no es traducción del gallego 'Sanxenxo', sino su adaptación grafofonológica a la ortografía del español". E recomenda a lectura da Ortografía de la lengua española.

Para a Real Academia Galega "nas linguas debe haber o menor número de exónimos ou o nomes cos que se coñece algo dende unha perspectiva exterior -- caso de Londres ou Alemaña--, que deben limitarse a casos puntuais que teñen moita tradición", como explica Ana Boullón, "e non facer como a Wikipedia, que recolle formas como 'Chandreja de Queija' que nunca foron empregadas". A lingüista, natural da Pobra do Caramiñal (outro nome a miúdo adaptado ao español), insiste en que "o pronunciamento da RAE é unha falta de respecto á toponimia", e que "coma os nomes propios non se debe cambiar. Se es 'Xoán' aquí, tamén o es en Francia ou Inglaterra. Un lugar e unha persoa ten un nome que non se cambia en función do idioma en que se fala".

Nun artigo publicado no portal da RAG, "As grafías tradicionais do topónimo 'Sanxenxo", a tamén lingüista Luz Méndez, directora da Asociación Galega de Onomástica e membro correspondente da RAG, explica polo miúdo a procedencia deste topónimo e a súa evolución histórica para concluír que "en castelán, por respecto á variedade lingüística do Estado español e á oficialidade do nome Sanxenxo, cremos que se deberían descartar outras opcións gráficas que non son tan tradicionais como se cre, do mesmo xeito que se descartaron outras formas antigas como Mastrique ou como, en galego, abandonamos os Badallouce ou Valadolide/Valladolide dos textos medievais".