Xa se coñecen os premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia deste ano, uns galardóns que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) e que tratan de recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Son tres os traballos distinguidos e recibirán un premio de 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 deste mes, ás 19.00 horas, no Pazo de San Roque de Santiago.

Un dos galardóns –o Francisco Guitián Ojea– recaeu nun proxecto de gran calado: nin máis nin menos que nun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático. Unha investigación dos científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderada por Angélica Figueroa. O equipo premiado destaca que “a metástase do cancro é a principal causa de mortalidade por cancro e representa ao redor do 90% das mortes por esta causa. Por tanto, a identificación de novos fármacos contra a metástase contribúe a reducir a mortalidade e a mellorar a saúde dos pacientes oncolóxicos, incidindo ademais na sustentabilidade dos sistemas de saúde”. Segundo os datos achegados polos investigadores, o 25% dos cancros de colon son metastásicos e os estudos epidemiolóxicos prevén un aumento da incidencia para 2030.

Equipo que investiga o fármaco contra o cancro de colon metastásico de Angélica Figueroa (centro) ECG

Nesta liña, traballan nunha diana terapéutica, denominada Hakai, unha proteína contra a que pretenden loitar baseándose na degradación de proteínas dirixida como unha das estratexias terapéuticas máis prometedoras para o descubrimento e desenvolvemento de fármacos en cancro.

“Actualmente estamos a desenvolver un fármaco deseñado especificamente contra Hakai co fin de inhibir a progresión e a metástase en humanos. Identificamos novos inhibidores de moléculas pequenas de Hakai e demostramos a inhibición da progresión tumoral e a metástase en estudos preclínicos, sen amosar toxicidade sistémica aparente”, din.

Outro dos galardóns –o Fernando Calvet Prats– foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes (que traballa en Intelixencia Artificial dende 1990) do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. A spin-off InVerbis Analytics foi a merecedora do galardón. Bugarín explica a este xornal que InVerbis foi un proxecto pero agora é unha empresa, a spin-off máis nova do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS. “O que inicialmente foi unha investigación básica, grazas ao apoio de diversos proxectos de investigación e de distintos programas de financiación pública e do Ministerio, foi madurando ata que a tecnoloxía se acabou transferindo a unha empresa, que agora está comercializándoa no mercado”.

Este proxecto do Citius desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial. Coa minería de procesos, explica Alberto Bugarín, “analízanse os datos dunha empresa, institución ou administración e obtéñense os fluxos de actividade que hai na organización. Entón permite avaliar como se están desenvolvendo os procesos ao obter a secuencia das actividades a partir dos datos. Ás veces as empresas ven que cando fan minería de procesos poden descubrir os fallos na execución dos procedementos e así melloralos. Tamén ás veces se detectan ciclos, que unha tarefa te leva a outra e volta a empezar, o que é un exemplo claro de ineficiencia. E isto permite abordar estas cuestións, ter información cuantitativa. Hai asemade unha ferramenta de visualización que permite ás persoas da organización ver un esquema do proceso”, indica.

A parte de linguaxe natural vén a complementar e describir esa información, de forma que axuda a ver mellor o que ocorre cos procesos visuais. “Ás veces en certos ámbitos non é facil interpretar os grafos e a linguaxe natural axuda”, indica.

Desde InVerbis atoparon ata o momento importantes zonas de mellora en diferentes procesos. Por exemplo, nunha empresa de control de tráfico aéreo analizaron os procesos de xestión de incidencias TIC; nun proceso de tratamento cardiolóxico constatouse que, tras a compra de equipamento para probas e a realización de pequenos cambios organizativos, o tempo que transcorría entre o ingreso do paciente e a aplicación do tratamento reduciuse un 23% nun ano, e o número de probas TAC realizadas aos mesmos incrementouse nun 39%; a análise dun subproceso de fabricación industrial de vehículos evidenciou a existencia de repeticións de actividade; nunha empresa de telecomunicacións logrouse reducir o tempo de xestión de incidencias dos clientes; entre outros logros.

Este premio, sinala o investigador, “é unha satisfacción enorme, sobre todo por ver que o que inicialmente era unha idea de investigación logrou ter cuberto o ciclo completo”.

Por certo que InVerbis é a única empresa española que está no informe Gartner, que analiza tecnoloxías disruptivas, novas e prometedoras.

Por último, o premio Ricardo Bescansa Martínez foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde.

Abi Vázquez e María de la Fuente, de Diversa Technologies ECG

A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo devandito grupo, baseada en lípidos non tóxicos e biodegradables para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. O principal obxectivo desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.

A investigadora María de la Fuente, unha das fundadoras da empresa, indica que “coa nosa tecnoloxía patentada, emulsións lipídicas de tamaño nanométrico, podemos asociar de maneira eficiente novas moléculas e transportalas ao seu lugar de acción na súa forma terapeuticamente activa, para que poidan ser efectivas e así xerar novas oportunidades para o desenvolvemento de novos tratamentos”.