O poliamor e as relacións abertas fanse oco en San Valentín

Xunto á monogamia existen novas estruturas que cada vez están máis normalizadas socialmente

Os expertos en parellas aseguran que teñen moitos puntos en común coas tradicionais

A comunicación e o respecto son a clave en todas elas

Mozos nunha relación poliamorosa

Mozos nunha relación poliamorosa / Miguel R. Taboada

A vindeira semana celébrase San Valentín, unha data que ten que actualizarse urxentemente. E é que xa non é a celebración das parellas porque as relacións actuais teñen novas estruturas. Máis alá da monogamia, na sociedade actual ábrense paso o poliamor, as relacións abertas, os swingers ou a anarquía relacional. De feito é algo xa normalizado, posto que a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) indica que case a metade dos españois, o 47,6%, está moi de acordo ou de acordo con que unha persoa poida ter múltiples relacións afectivo-sexuais á vez. Ademais o 41,4% dos españois pensa que os membros dunha parella poden acordar ter relacións sexuais con outros sen que haxa vínculo sentimental.

Roberto Antón, presidente da Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia e psicólogo experto en terapia de parellas, explica que cada vez chegan máis persoas á súa consulta que teñen relacións non monógamas, e notouno especialmente trala pandemia. “Acoden moitas veces sós ou en parella con dificultades relacionadas, ou non, con este tipo de relacións alternativas á tradicional. Ao igual que hai situacións de celos nas relacións monógamas, tamén aparecen nestas”, explica. “Chegan ás veces tamén con inseguridades, ao contrario do que adoita parecer”, engade. “Eu penso que para ter unha relación aberta os integrantes da parella deben ter un plus de seguridade e confianza porque a túa parella pode estar mantendo relacións fóra e ti debes aceptalo... pero ás veces xorden malentendidos”, conta. 

“Eu penso que para ter unha relación aberta os integrantes da parella deben ter un plus de seguridade e confianza porque a tua parella pode estar mantendo relacións fóra e ti debes aceptalo"

Regras e límites

Roberto Antón considera que precisamente para evitar desacordos, as persoas con relacións abertas “adoitan establecer unha serie de límites e deciden, por exemplo, que os membros externos á parella deben ser descoñecidos. Tamén adoitan establecer ter relacións sexuais seguras para evitar enfermidades, e logo hai xente que prefire non saber nada, outras que si... Cada parella ten as súas regras, que se establecen antes de dar o paso a abrir a relación”, explica o experto en parellas.

Neste tipo de relacións, os problemas que poden aparecer son, por unha banda, debidos a que se rompen estas regras, e por outra, a aspectos inesperados. “Ás veces non se sabe ben cando falar das outras persoas ás que se ven ou aparecen inseguridades, no caso dunha relación aberta, porque parece que a parella ve demasiado a certa persoa...”, di.

Relacións tradicionais

Con todo, asegura o experto, hai moitos puntos en común coas parellas tradicionais. “As inseguridades e os celos son cuestións que están aí sempre de fondo. Os problemas de comunicación ou a escolla dun mal momento para dicir certas cousas poden xerar conflitos”, comenta. Ademais, Roberto Antón explica que sempre hai momentos na vida que levan a prestarlle menos atención á parella, como son os dous ou tres primeiros anos da crianza ou épocas de moito estrés no traballo. “Moitas veces a parella queda nun segundo plano e son situacións moi frecuentes nas relacións tradicionais pero tamén no resto. Penso que hai máis denominadores comúns que diferenzas”, asegura. 

Redes sociais

As relacións non monógamas existen dende sempre pero actualmente están máis normalizadas e non se esconden. As redes sociais e as apps de citas abren un amplo abano de posibilidades á hora de coñecer xente afín, pero tamén son a mellor arma para crear problemas. “Son moitas as parellas que descobren infidelidades a través de internet ou que se volven máis inseguras ao controlar o WhatsApp da parella para ver se está ou non en liña”, di. “As redes fan as relacións máis complexas, e incluso as rupturas, porque agora existe a posibilidade de ver constantemente o que fai a outra persoa”.

“As redes fan as relacións máis complexas, e incluso as rupturas, porque agora existe a posibilidade de ver constantemente o que fai a outra persoa”

Dificultades das parellas

Culturalmente estamos preparados para vivir relacións monógamas, e aínda que nos pareza que a xente máis nova escapa do compromiso, non sempre é así. “Eu trato con adolescentes, e hai moitos que buscan unha relación estable cunha persoa pero ás veces é difícil cadrar con alguén que estea nese punto e queira unha relación con compromiso de fidelidade”, explica. De feito o experto asegura que estar en parella “é difícil” porque non sempre se queren as mesmas cousas e “hai que dialogar e tratar de chegar a puntos comúns. É sempre un xogo de equilibrios complexo”.

Tipos de relacións non monógamas

1. Relacións abertas: Nesta caso a parella rompe a exclusividade sexual, pero mantén a afectiva. As persoas que a conforman poden manter relacións con outras persoas sen a presenza do outro membro.

2. Poliamor: Unha relación poliamorosa é aquela na que varias persoas manteñen unha relación afectiva, sexual e emocional nas mesmas (ou similares) condicións conmunmente atribuidas ás parellas: compromiso entre elas e durabilidade.

3. Intercambio de parellas: Denomínase swingers a aquelas parellas que mantendo unha relación estable deciden ter relacións sexuais con outra parella de forma pactada e conxunta. Ao mesmo que nas relacións abertas, hai exclusividade afectiva pero non sexual.

5. Anarquía relacional: As persoas que a practican conforman relacións que non están sometidas á norma social. Dentro das súas relacións establecen o seu nivel e tipo de compromiso segundo os sentimentos que experimenten na relación coa outra persoa.