Lucía Rodríguez será a pregoeira da XLIV Feira do Viño de Amandi

A xornalista e presentadora de televisión defínese como unha muller “100% Ribeira Sacra”

O alcalde de Sober asegura que “é unha gran embaixadora” do concello lucense

A xornalista e presentadora de televisión Lucía Rodríguez

A xornalista e presentadora de televisión Lucía Rodríguez / Cedida

Redacción

O Concello de Sober deu a coñecer no día de onte o nome da persoa que se encargara de pronunciar o pregón da XLIV Feira do Viño de Amandi. A persoa elixida é a xornalista e presentadora de televisión Lucía Rodríguez, unha muller que se define como “100% Ribeira Sacra”, posto que o seu pai é de Neiras, unha parroquia pertencente ao concello de Sober, e a súa nai naceu en Castro Caldelas.

O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, asegura que Lucía Rodríguez “é unha gran embaixadora do noso concello, polo que estamos moi contentos de que estea con nós no maior escaparate dos nosos viños, o Amandi”.

Extensa traxectoria

Ao longo da súa traxectoria profesional, Lucía Rodríguez traballou como reporteira en Antena 3 Noticias e Telemadrid para posteriormente retornar a Galicia e comezar a presentar programas na Televisión de Galicia (TVG). Entre eles, Desexos Cumpridos, Aquí Galicia, Que nos pille Rebolando, Comando G, Sabadeando e, actualmente, presenta nas noites do mércores Xente Marabillosa, espazo polo que este 2024 recolleu o Premio Iris da Academia da Televisión en Madrid a mellor programa autonómico.

Ademais de programas diarios ou semanais, tamén presentou galas especiais, como a do 25 de Xullo – Día de Galicia- ou a de Fin de ano ao longo de máis de 10 anos de traballo en Galicia.

No ano 2020, Rodríguez comezou a súa andaina como empresaria en Ourense poñendo en marcha una axencia de márketing e publicidade, SOComunicación. Xunto ao seu socio, conta xa con dez persoas e clientes espallados por toda a comunidade galega aos que da servizos de comunicación, redes sociais, web, produción audiovisual, eventos e outros traballos deste sector. En paralelo, desfruta moito de conducir eventos, entregas de premios ou inauguracións, ademais de adicar cada vez máis tempo ás súas redes sociais dende as cales crea contido para diversas marcas e campañas concretas. “O que comezou coma unha afección tense convertido en parte da profesión”, explica Rodríguez.

No seu tempo libre, a xornalista e presentadora de televisión practica deporte, pasa tempo coa familia e amigos e desfruta da gastronomía. Lucía confesa que a súa debilidade nas tardes solleiras da primavera ou do verán é facer rutas en moto pola Ribeira Sacra e perderse polos miradoiros da contorna do Miño e do Sil.

Programa da Feira

O Concello de Sober dará a coñecer hoxe, no miradoiro de Pena do Conde o cartel anunciador da XVIL Feira do Viño de Amandi, obra de Eduardo Pérez Baamonde, así como a programación do Mes do Amandi e o programa de actividades da Feira, que este ano se vai celebrar os días 22, 23 e 24 de marzo.