O Xabarín fai 30 anos: "Ata que acababa Son Goku non se saía da casa"

O 18 de abril de 1994 realizouse a primeira emisión do programa na TVG

O espazo, que se converteu nun auténtico fenómeno social, chegou a ter 100.000 socios

Xosé Antonio Touriñán, Fátima Pego, Alberto Mancebo e Fran Cañotas, entre os seus fans

O Xabarín Club fai este 18 de abril de 2024 trinta anos desde a súa estrea na Televisión de Galicia

O Xabarín Club fai este 18 de abril de 2024 trinta anos desde a súa estrea na Televisión de Galicia / Antía Suárez

Antía Suárez

Se se lle pregunta polo Xabarín Club a calquera persoa que vivira a súa infancia entre os anos 90 e os 2000, abrirase unha porta a que fale durante horas dos seus programas favoritos, as veces que espertou cedo para ver a súa foto o día do seu aniversario e pode que mesmo alguén saque o seu prezado carné de membro dun club que chegou a superar os 100.000 socios.

E é que o Xabarín Club foi un auténtico fenómeno social entre os máis cativos e os non tan novos seguidores da Televisión de Galicia, un espazo televisivo que emitía contido infantil en galego. Dentro da súa programación convivían os debuxos animados, a música, os videoclips e espazos de produción propia.

O club, que segue vivo, conta cun sistema de membros afiliados que deben ser menores de 18 anos e que teñ en dereito a ter o seu propio carné identificativo. Unha estratexia que tivo un enorme éxito no seu periodo de maior auxe, con milleiros de nenos e nenas afiliados, participando activamente nos concursos e mesmo asistindo á XabaXira, uns concertos infantís multitudinarios onde o Xabarín, o porco bravo que se converteu no seu emblema, e a Xababanda interpretaban os éxitos musicais do programa.

Fran Cañotas

Fran Cañotas / CEDIDA

“Cando entrei na tele, unha das primeiras cousas que fixen foi ir á redacción do Xabarín e pedirlles que me fixeran un carné dos modernos"

Fran Cañotas

— Presentador da TVG

E os que foron fans daquela seguen a ser fans. O presentador da TVG Fran Cañotas é un exemplo: “Cando entrei na tele, unha das primeiras cousas que fixen foi ir á redacción do Xabarín e pedirlles que me fixeran un carné dos modernos. E fixéronme un que era ‘para ti para sempre’, deses que non caducan nunca”.

Despois do colexio, coller o bocadillo e Xabarín

Entre as series de debuxos animados que todo o mundo lembra atópanse As bólas máxicas (Dragon Ball) ou Shin Chan, que marcaron a infancia dunha xeración que naceu e medrou co programa, con nenos que, a día de hoxe, xa adultos seguen sen esquecer moitas daquelas letras: “Os pementos que noxo dan!” ou “todo é fabuloso, misterioso, soñador, e quero ir contigo a esta viaxe estraña e moi lonxana...!”.

Xosé Antonio Touriñán, humorista, actor e presentador, lembra como para el “ata que acababa Son Goku non se saía da casa”.

Pero como estas dúas series outras moitas se manteñen na memoria colectiva: Arale, Gatocán, Evangelion, Detective Conan, Garfield,Autos Tolos, Doraemon, A Formiga Atómica, Sarxento Keroro ou Candy Candy.

Unha das cousas que fixo que estas series internacionais triunfaran tanto foi unha dobraxe que destacaba e melloraba historias frescas e descaradas. Do mesmo xeito, o guionista Antonio Toñito Blanco, un dos creadores do programa, describía o porco do Xabarín como “unha mestura das identidades de Huckleberry Finn, Don Gato, Bart Simpson e Parker Lewis para asemellar a ollos dos seus colegas - a típica banda de cabeceira - como libre e rebelde. Ao mesmo tempo, sarcástico e tenro, sempre mostrándose crítico co mundo dos adultos. A Xabarín gústalle a música rock, a banda deseñada de superheroes, os debuxos clásicos da Warner e Hannah & Barbera pero tamén manga xaponés”.

Un espazo para a música en galego

Fran Cañotas lembra con entusiasmo que “había compañeiros aos que non lles gustaba nada que houbera cancións polo medio, pero a min encantábanme. Cantábaas todas, sabíame un porrón delas, e tamén as propias cancións das series”. O Xabarín era un espazo de intercambio cultural: por un lado os artistas galegos tiñan un medio para expoñer os seus temas, e, por outro, os nenos galegos cantaban na súa lingua.

No espazo televisivo emitíronse temazos coma Quero Xamón de Miguel Costas e Aerolíneas Federales, Non todo é o que parece de Aerolíneas Federales, Estou na lavadora de O caimán do Río Tea, Carmiña Vacaloura de Mestre Reverendo, Onde vas rapaz? de Siniestro Total ou Que jallo é de Herdeiros da Crus.

Para Fátima Pego, cantante da orquestra Panorama, o máis divertido de todo era precisamente a música, poder cantar as cancións do Xabarín, e lembra de inicio a fin moitos deses temas.

Labor normalizador da lingua

Pero máis alá diso, o Xabarín Club desenvolveu un importantísimo papel normalizador da lingua. Como explica Fátima Pego: “Eu penso que o segredo de que hoxe en día fale galego é o Xabarín”. E o seu non é, seguramente, un caso illado. Moitas das cancións que cantan en galego as persoas que agora teñen entre 20 e 40 anos son as do Xabarín e para moitas só ten sentido ver Dragon Ball ou Shin Chan en galego. Porque non era unha forma máis de consumir programación xuvenil, era a favorita dunha gran parte da cativada.

Fátima Pego

Fátima Pego / CEDIDA

“Eu penso que o segredo de que hoxe en día fale galego é o Xabarín”

Fátima Pego

— Cantante

Para Alberto Mancebo, presentador da TVG e escritor, o Xabarín tiña unha importancia didáctica, “máis alá de que che recorda iso de merendar vendo os debuxos, que iso tamén, pero para min o importante foi o contacto co galego normativo. Porque claro, os que somos da Costa da Morte, por exemplo, temos un galego que é totalmente diferente do que se fala en televisión. E así aprendiamos un montón de palabras novas e como se conxugan os verbos. Se houbo un intento de normalizar o idioma, o do XabarínClub é o maior exemplo”.

Alberto Mancebo

Alberto Mancebo / CEDIDA

"Se houbo un intento de normalizar o idioma, o do XabarínClub é o maior exemplo”.

Alberto Mancebo

— Presentador da TVG e escritor

Hoxe en día o Xabarín segue en emisión na TVG2, onde se emiten debuxos actuais e de antes. Pero xa non ten a relevancia nin suscita a paixón que espertou no seu día. Tamén quedaron atrás moitas outras cousas, entre elas a produción musical en galego. Aqueles fans incondicionais medraron e existe unha maior oferta de entretemento: plataformas á carta, redes sociais...

A TVG conta actualmente con varias plataformas de contidos á carta, e entre elas, unha infantil, o Xabarín, onde se ofrecen filmes e series en galego e tres canles en directo de contido constante. Das novas estratexias que perseguen, Digochiño é a máis destacada na súa plataforma, que é unha extensión do Dígocho eu.

Xosé Antonio Touriñán

Xosé Antonio Touriñán / CEDIDA

“Pena que os nosos fillos non teñan un Xabarín de agora, un espazo, unha mascota para eles”

Xosé Antonio Touriñán

— Cómico, actor e presentador

Pero, para moitos, como Touriñán, o Xabarín deixou o listón moi alto: “É unha pena que os nosos fillos non teñan un Xabarín de agora. Feito para eles, con mascota e contidos propios”.