Anxo Angueira entra na RAG: “A ‘Alborada” de Rosalía ten un fondo político e feminista indiscutible”

O escritor, profesor da UVigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, ingresou na Academia

A encargada de responderlle foi a poeta Chus Pato

Anxo Angueira centrou a súa intervención na poética da luz na obra de Rosalía de Castro

Anxo Angueira centrou a súa intervención na poética da luz na obra de Rosalía de Castro / RAG

Os versos de Rosalía de Castro tallados na estatua de pedra situada no Espolón de Padrón foron as primeiras liñas que Anxo Angueira Viturro leu na súa lingua materna. Descubriunos aos dez anos, cando chegou á vila para estudar EXB na escola Santiso.

O novo académico centrou a súa intervención na poética da luz na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas, un elemento que en Rosalía funciona como símbolo tanto da dimensión social como da existencia da súa obra, salientou.

O profesor da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro escolleu o auditorio municipal de Padrón como escenario para a cerimonia de entrada na Real Academia Galega. “Dalgún xeito, con este acto de tan alta honra regreso ó lugar no que empecei e do que partín, onde se forxou de xeito decisivo o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán”, compartiu.

Desta forma, Anxo Angueira é o ocupante da cadeira que quedara vacante en marzo de 2023 tras o pasamento de Salvador García-Bodaño. Por este motivo, decidiu homenaxear ao autor lembrando na súa primeira intervención Tempo de Compostela e salientando que pertence “á estirpe dos grandes poetas que son quen de deixar versos de bronce na historia literaria”. Tamén quixo rememorar a outros tres académicos ausentes: Darío Xohán Cabana; o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín e Bernardino Graña.

A encargada de responderlle en nome da Real Academia Galega foi a poeta Chus Pato, quen definiu no seu texto a Anxo Angueira como “un dos nosos”. Desta forma, indagou nas raíces familiares do novo académico e presentouno. “Se tivese que elixir unha palabra para definir o corpo letrado de Anxo Angueira non dubidaría: a palabra é Rexurdimento”, propuxo Chus Pato facendo referencia ao ensaio publicado polo novo académico no 2019 Rexurdimento:a palabra e a idea.

O ingreso na RAG de Anxo Angueira converteuse nun día de festa en Padrón. Tras a recepción do alcalde aos membros da Academia no concello, celebrouse unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía no Espolón, onde a agrupación folclórica O Pedrón interpretou o himno. Xa ás portas do auditorio, o académico electo foi recibido cos remos en alto por integrantes da Escola de Navegación Tradicional Dorna. Unha vez aberta a cerimonia, Anxo Angueira entrou na sala acompañado polos dous académicos de número de máis recente incorporación, Lourenzo Fernández Prieto e María López Sández.

A poética da luz en Rosalía

Anxo Angueira dedicou o seu discurso á poética da luz en Rosalía de Castro, un elemento que “acabou por converterse nun signo moi persoal e ó mesmo tempo moi significativo, mesmo senlleiro, a respecto de todo o conxunto da súa obra”. O académico percorreu a produción literaria rosaliana desde La flor (1857) e A mi madre (1862) ata En las orillas del Sar (1884), deténdose especialmente nos Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880).

É en Cantares Gallegos onde atopamos Alborada: “A luz da mañá, a luz do primeiro albor non esperta os mozos que pasaron xuntos a noite. Xa non é a luz dun novo día, é a luz dun novo tempo, no que cómpre espertar e mais erguerse con esperanza e alegría. O discurso aparentemente inocuo asociado ó lirismo de paxaros e mociñas ten un fondo político e feminista indiscutible. O xogo simbólico de noites e amañeceres simple ten unha carga épica en que a alegría e a esperanza resultan unha verdadeira arenga. Todo isto converte a Alborada de Rosalía nunha referencia literaria e histórica chea de simbolismo para todo o que chamamos Rexurdimento”, afondou o profesor.