Entrevista | Chus Silva e María Caramés Membros de Aparato

Chus Silva e María Caramés: “O poema de Villalta cadra no noso estilo, podería ser unha letra de Aparato”

Puxéronlle música a un poema de Luísa Villalta

Son responsables da banda sonora da webserie da RAG sobre a autora

Os dous membros de Aparato: Chus Silva e María Caramés

Os dous membros de Aparato: Chus Silva e María Caramés / CEDIDA

Chus Silva e María Caramés son os responsables da banda sonora da webserie que lle encargou a Real Academia Galega á produtora Miramemira e puxéronlle música a un poema de Luísa Villalta publicado dentro de ‘Música reservada’. Recoñecen que o seu estilo, synth-pop, ten ese arrecendo nostálxico que cadra ben coa peza elixida da homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Luísa Villalta: a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024

Javier Rosende Novo

Como xurdiu a idea de poñerlle música a un poema de Luísa Villalta?

(Chus Silva) Todo comezou polo convite que nos fixo Damian Varela para facer a banda sonora dunha serie documental que fai a Real Academia Galega, da que el era o director. A raíz de facer esa banda sonora, comezamos a coñecer máis de preto a figura e a obra de Luísa.

(María Caramés) Non foi doado atopar obra de Luísa Villalta hai uns meses. Agora, ao ser a homenaxeada no Día das Letras Galegas, é máis fácil, pero cando nos encargaron a música non había obra súa nin nas librerías nin nas bibliotecas, así que algo custou atopar a obra. Pero, bueno, unha vez atopada, pois xa foi máis doado decidir o poema.

Porque o poema, parecía coma se estivese pensado para a vosa música ou tivéstedes que darlle moitas voltas para encaixalo?

(M.C.) As voltas foron mínimas. A verdade é que foi o que máis cadraba co noso estilo. Podería ser unha letra de Aparato perfectamente.

E por que ‘Amor disxunto’, o título da vosa peza?

(M.C.) Porque son as palabras do poema que máis nos suxerían para o título de unha canción. E é a penúltima frase do poema.

Resulta axeitado o synth-pop para a poesía?

(C.S.) Si. O synth-pop ten as características como estilo da canción arquetípica, simplemente a diferenza é que se fai con sintetizadores e con caixas de ritmos electrónicas. Pero despois a fórmula non deixa de ser estrofa e retrouso. Moitas veces os poemas non traen exactamente retrousos e hai que buscarllos e facerllos. Neste caso non é que haxa un retrouso en si mesmo, pero ao final acaba xurdindo. Por outra banda, o synth-pop ten ese arrecendo nostálxico que eu creo que cadra moi ben con este poema en concreto.

(M.C.) Digamos que o estilo tamén é dos anos 80 e o poema é dos anos 80, porque hai unha parte do libro (Música reservada) que está feita coa anterioridade e despois publicouse todo xunto no ano 91, pero o poema é do 86, co cal é totalmente axeitado.

Luísa Villalta, aínda que se dedicou á docencia e a escribir, nunca deixou a música, porque era titulada superior en violín, formou parte dun grupo folk e fixo un ensaio que se titulaba ‘O outro lado da poesía, a música’. Pensades vos tamén que música e poesía son o mesmo desde outro punto de vista?

(M.C.) Digamos que van da man, porque a música non necesariamente necesita de palabras, pero si que conta historias dunha maneira poética. Si. Poderíase dicir que si.

(C.S.) No caso da obra de Luísa, si é certo que cando facíamos a escolla para mirar se facíamos a canción, pois non era a única tampouco que estaba aí enriba da mesa. Esta era a que mellor ía. Hai poesía que é máis musical ou máis rítmica, pero tamén é como cada un queira entender o poema. Hai xente que lle vai dar ritmo, outros non.

E non vos conformástedes con poñerse música a un poema e facer a banda sonora da webserie, porque tedes un lyric vídeo no que vos servides da intelixencia artificial para establecer un diálogo con ela, e unha versión karaoke pensando nos rapaces. Como foi esta experiencia?

(M.C.) Para o vídeo queriamos darlle o protagonismo fundamental á letra porque digamos que é o máis importante da canción e a idea de facer un lyric video vén de aí. O de utilizar a intelixencia artificial foi circunstancial, polo momento que vivimos, que está en todas partes e parecía unha idea bonita compatibilizar as dúas cousas. Obviamente o traballo non é só da intelixencia artificial, aí hai outras aplicacións que están funcionando, trebellando aí polo medio. Xurdiu así, de forma medio orgánica tamén.

(C.S.) Tamén é verdade que para facer un vídeo máis complexo economicamente moitas veces non é rendible e custa moito traballo. Neste caso, dende un punto de vista pragmático, como dicía María, un lyric vídeo coincidía tamén coa idea de darlle protagonismo á propia voz de Luísa.

Sodes un dúo de eletrónica soul, así é como vos definides, non? É un estilo ríxido ou gústavos camiñar cara outros lugares?

(C.S.) O de electrónica soul acuñouno Angie (Ánxeles Porto), da Borriquita de Belén (pub do casco histórico) polo Feito a man (festival de música en vivo en prazas e terrazas da zona vella de Compostela). E dentro da electrónica e do soul, eu creo que hai ancho de banda para facer diferentes estilos e moverse de algún xeito. Ás veces tocamos máis cara ao góspel eletrónico, outras veces máis no arquetípico do synth-pop, outras veces máis no trip-hop…

Que proxectos tedes vós como dúo?

(C.S.) O futuro é un pouco incerto. Levamos 5 ou 6 anos co proxecto e como non é moi fácil darlle fluidez… Está un pouco no aire o futuro, imos deixalo así.

Como dúo, Aparato, non podedes vivir da música de momento?

(M.C.) Nin de lonxe.

(C.S.) Como dúo é utópico. Non o vexo. Vivir da música sería outra cuestión, pero de Aparato non, porque o noso proxecto non ten unha estrutura ou non chegou a ter unha estrutura dentro do que marca a industria. Somos absolutamente independentes.

A que vos dedicades profesionalmente, á parte de Aparato?

(M.C.) Chus é técnico de son na radio e eu son fotógrafa.

Ía preguntarvos por onde vos vedes dentro de dez anos como Aparato pero xa me dá medo…

(C.S.) Ogallá que Aparato dentro de dez anos se vexa como un grupo de culto (ri). Nunca se sabe. Dez anos é bastante. Agora mesmo non o vemos.