EMPRESA

As mulleres impulsan o 57% dos proxectos do Polo de emprendemento de Coristanco

Servizos, agricultura, gandaría, silvicultura, pesca e hostalería son os sectores que atraen máis iniciativas

O Camiño a Fisterra e Muxía tamén axuda a xerar alianzas profesionais

Pablo Fernández, terceiro pola esquerda, cos participantes no programa en Fisterra

Pablo Fernández, terceiro pola esquerda, cos participantes no programa en Fisterra / Xunta

J. M. Ramos

O 57% dos máis de 170 proxectos atendidos no Polo de emprendemento de Coristanco están impulsados por mulleres, segundo sinalou o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, durante a súa participación no evento Muller rural emprendedora, desafíos e oportunidades, celebrado en Santa Comba e organizado polo referido Polo coa colaboración da Asociación de Empresarias da Coruña (Aeco) e da Asociación de Empresarias Rurais (Aser).

Desde a inauguración do Polo, en outubro de 2022, destacan os proxectos relacionados cos servizos (19%), seguidos da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (16%) e da hostalería (15%). Para o seu desenvolvemento téñense realizado preto de 900 titorías, case un cento de reunións con entidades do territorio e máis dunha decena de accións formativas. Tamén se celebraron sete eventos e dez actos externos.

O obxectivo do encontro de Santa Comba é proporcionar un espazo interactivo e enriquecedor para as mulleres emprendedoras que traballan no rural. Analizáronse os desafíos específicos que enfrontan, así como oportunidades para o crecemento e desenvolvemento dos seus negocios. A actividade tamén busca crear conciencia sobre o papel crucial das mulleres no ámbito empresarial rural e empoderalas para liderar e contribuír ao desenvolvemento económico do seu territorio.

Nesa liña, ademais de representantes das asociacións de empresarias coruñesas e de empresarias rurais, participaron emprendedoras para falar das súas experiencias. En concreto, dun laboratoio para a análise de ensilados e forraxes, dunha empresa agroalimentaria, dunha consultora inmobiliaria e dunha granxa-escola.

O encontro tamén serviu para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación, sobre todo no rural. A rede dá apoio tamén (a través dun Plan de remuda xeracional) para garantir o mantemento de negocios, poñendo en contacto a persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo delas.

No conxunto da provincia da Coruña téñense atendido máis de cincocentas iniciativas -nos centros de Coristanco, Ferrol e Melide- entre as que destacan as relacionadas co sector servizos, seguidas das do primario e da hostalería. Un 9% desas iniciativas son proxectos de remuda.

Asesoramento na Ruta xacobea

Pablo Fernández tamén percorreu este venres a segunda etapa do programa Galicia Camiño Emprendedor (entre Muxía e Fisterra) co que se ofrece aos traballadores autónomos asesoramento, a través da fórmula do mentoring, para axudarlles a consolidar os seus negocios, mentres se realizan tramos do Camiño co obxectivo tamén de promocionar a Ruta xacobea como destino de ocio e actividade económica.

Fernández salientou no tramo que desenvolveu, desde Lires ata Fisterra, que “o Camiño serve para xerar alianzas profesionais, ao tempo que se lle dá un pulo aos negocios de hostalería e aloxamento vencellados a el, que destacan pola súa singularidade”. Estes programas dan apoio aos autónomos, que representan en Galicia o 20,07% das persoas afiliadas, sendo a Comunidade a primeira con maior peso do colectivo, integrado por 213.000 profesionais.